A Xunta acomete a mellora de pistas municipais para accesos agrícolas en Lantaño, no Concello de Portas, cun investimento de 43.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez, supervisa a actuación realizada no lugar de Cachal e destaca o incremento do Plan Marco no municipio en case un 17% para o presente exercicio

O Concello de Portas recibíu máis de 315.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para o acondicionamento de vías en ata sete núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

Portas, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vén de rematar a execución do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 na parroquia de Lantaño, no Concello de Portas, que supuxeron un investimento de máis de 43.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, desprazouse ata o lugar de Cachal, que foi o beneficiario desta actuación, para supervisar os traballos realizados, que incluiron a renovación do firme, o ensanchamento da plataforma para favorecer, entre outras cuestións, o xiro de acceso e a construción dun muro de contención.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Portas, son fundamentais para a súa economía”, explicou o representante autonómico, que salientou que a Xunta incrementou este ano o Plan Marco para este concello en case un 17%.
Deste xeito, o Concello de Portas ten recibido, ao longo do último lustro, máis de 315.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais de carácter rural a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR).
Con estas achegas, favoreceuse a modernización de ata unha decena de pistas pertencentes a sete parroquias ou lugares do termo municipal, como Rapeira, Currás, Barreira, Portas, Briallos, Lantaño ou Romai.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021