O Pazo de Fonseca inaugura unha exposición que recrea o pasado da USC co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da mostra ‘A Minerva Compostelá. As súas Glorias’, que se poderá visitar ata o 22 de xaneiro

Enmárcase no proxecto Patrimonio Aberto da USC co que colabora o Goberno autonómico no marco das conmemoracións do 500 aniversario de San Xerome

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición A Minerva Compostelá. As súas Glorias, unha mostra organizada pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia na que se recrean varios espazos do pasado da institución e se divulga ao gran público diferentes personalidades vinculadas coa USC desde a súa fundación ata a actualidade.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición enmárcase nun proxecto cultural máis amplo co que colabora o Goberno galego, Patrimonio Aberto da USC, co que se conmemoran os 500 anos da fundación do actual San Xerome. Promóvese a través de distintas iniciativas o patrimonio de máis de 500 anos de docencia, investigación, difusión do coñecemento desta institución entre o gran público.

“A historia da Universidade de Santiago é parte da historia de Galicia polo que é fundamental compartilo co resto da sociedade para que os galegos coñezamos este legado”, expresou. Neste sentido, salientou que esta nova exposición contribuirá a facer máis accesible a historia da Universidade. O proxecto no que se enmarca inclúe tamén que o Goberno autonómico contribúa á musealización de espazos no Pazo de Fonseca, na Reitoría e no Edificio Central da USC.

A exposición A Minerva Compostelá. As súas Glorias poderá verse ata o 22 de xaneiro no Colexio de Fonseca e ocupa as tres salas dedicadas a exposicións temporais. Na sala Artesoado recréase a antiga biblioteca, cos mais de 20 retratos que estaban alí no ano 1882 e documentación e obxectos alusivos. Na capela recréase un estudo por medio de documentación e unha galería de personaxes ilustres dos séculos XIX e XX, unha parte de quen foron os seus protagonistas. Na sancristía faise unha presentación do Museo Virtual da USC, unha iniciativa xurdida ao abeiro deste proxecto, que alberga máis de mil bens inventariados aos que se pode acceder de balde.

Data de actualización: 14/10/2021