A Xunta apoiou a 16 axencias de viaxes da área de Santiago con máis de 48.000 euros

A Xunta pechou o prazo para unha nova liña de axudas que foi aprobada no marco dun novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego cun investimento total de 15,8 M de euros das que se beneficiarán axencias de viaxes, establecementos hostaleiros e os concellos de menos de 10.000 habitantes

Con estas medidas, o Goberno galego destinará este ano uns 120M€ para apoiar a hostalería e a industria turística galega, entre os 31,2M€ das distintas convocatorias de axudas e os case 90M€ abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate

Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira e situouse á vangarda de España na posta en marcha de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e a Xunta acompañou ao sector desde o primeiro momento da crise sanitaria

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a axencia de viaxes Compostela Campers para informar da resolución da orde de axudas dirixidas a este colectivo para facer fronte á crise sanitaria. Na área de Santiago de Compostela recibiron estas achegas 16 axencias de viaxes que recibiron en total máis de 48.000 euros. O delegado territorial da Xunta destacou que estes apoios foron destinados na súa totalidade a axudar a sufragar os gastos de aluguer das axencias beneficiarias.

O representante da Xunta lembrou que o Goberno galego xa pechou o prazo dunha nova convocatoria da segunda liña de axudas destinadas ás axencias de viaxe para contribuír ao seu mantemento como canle principal de comercialización do destino Galicia, por importe de 350.000 euros.

O obxectivo destas axudas é prestar apoio a un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, xa que as axencias de viaxe son instrumentos imprescindibles para a comercialización de Galicia como destino turístico, visibilizando toda a oferta turística de Galicia a través de seu labor profesional.

Serán obxecto destas axudas os gastos derivados do alugueiro dos locais, asi como os gastos derivados dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que se desenvolve a actividade da empresa. O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000 euros. Cando o gasto subvencionable supere esta cantidade, o importe da subvención será do 80 %.

Son beneficiarios destas subvencións, as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, e deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

Esta liña de axuda foi aprobada no marco dun novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego cun investimento total de 15,8 millóns de euros das que se poderán beneficiar axencias de viaxes, establecementos hostaleiros e os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Estas liñas de achegas públicas únense a outras postas xa en marcha ao longo deste ano 2021 destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega que suman un total de case 120 millóns de euros, entre os 31,2 millóns de euros das distintas convocatorias destinadas a apoiar a colectivos do sector turístico, concellos ou asociacións, xunto cos case 90 millóns de euros abonados aos hostaleiros galegos a través dos dous primeiros Plans de Rescate da Xunta.

Nesta liña, cómpre lembrar que Galicia foi pioneira e situouse á vangarda de España na posta en marcha de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e a Xunta acompañou ao sector desde o primeiro momento da crise sanitaria.

En canto ao conxunto de convocatorias de axudas habilitadas este ano teñen o dobre obxectivo de responder de xeito axeitado á crise motivada pola covid-19, apoiando aos sectores turísticos máis castigados pola pandemia, inxectar liquidez no sistema, e impulsar a renovación do sector turístico galego cun incremento substancial do orzamento para mellorar a calidade dos servizos turísticos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021