Galicia apoia en Bruxelas un sistema de protección xeográfica para os produtos industriais e artesanais

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 146º pleno do Comité Europeo das Rexións

Os resultados do Eurobarómetro Rexional e Local Anual sitúan a Galicia entre as rexións cunha exposición media aos impactos negativos a curto prazo da pandemia e resalta o plan da AECT Galicia- norte de Portugal para impulsar a cooperación transfronteiriza trala pandemia

Bruxelas (Bélxica), 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, representou a Galicia ao longo das tres sesións que compuxeron o 146º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR).

A delegación española do CdR adoptou unha declaración para mostrar o seu apoio ao establecemento dun sistema de protección xeográfica para os produtos industriais e artesanais, na que afirma que esta protección supoñerá unha garantía para protexer a estes sectores fronte ás falsificacións e á competencia desleal, permitindo que poidan competir en igualdade nos mercados globais de fóra do Espazo Económico Europeo. Para iso, insta ao Goberno de España a establecer un canal de interlocución permanente a través dun grupo de traballo bilateral, co obxectivo de apoiar e reforzar os esforzos de negociación durante todo o ciclo de vida do expediente lexislativo da futura normativa europea.

Tras varios anos de traballo e reivindicacións por parte das rexións españolas e as súas asociacións de produtores, e coincidindo coa adopción dun ditame sobre este asunto, os membros españois do Comité Europeo das Rexións destacaron a idoneidade de que sexa creado un sistema de indicacións xeográficas protexidas para os produtos non agroalimentarios, xa que representan “a calidade, as tradicións e a cultura do país, ademais de supoñer unha fonte de riqueza para as rexións e municipios, e un xeito de preservar e fortalecer o arraigo ao territorio”.

No pleno do Comité aprobáronse sete ditames, dúas resolucións políticas e celebráronse sete debates de alto nivel con varios comisarios como a vicepresidenta para Democracia e Demografía, Dubravka Šuica.

Unha das emendas galegas aprobadas fai referencia á reparación ou reutilización de produtos no marco da economía circular. Galicia lembra a importancia de salvagardar en todo caso os dereitos do consumidor, e de garantir a calidade destes produtos. Coa nova Axenda Europea do Consumidor, posta en marcha o ano pasado, a UE pretende capacitar aos consumidores europeos para que poidan desempeñar un papel activo nas transicións ecolóxica e dixital. Neste ditame o Comité das Rexións fai fincapé, ademais, na necesidade de manter e aplicar especialmente os dereitos dos consumidores nos tempos de crise, de cara a asegurar a súa protección xurídica.

O Eurobarómetro rexional e local anual

Por segundo ano consecutivo, o Comité Europeo das Rexións presentou os resultados do seu Eurobarómetro Rexional e Local Anual, centrado na avaliación a nivel rexional e local da situación de crise xerada pola pandemia da Covid-19. No apartado dedicado a como mellorar a resiliencia rexional de cara ao futuro, destaca a mención que fai do plan posto en marcha pola Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Galicia- Norte de Portugal para mellorar a súa cooperación tras o peche da fronteira imposto pola pandemia.

Dado que as restricións impostas en España foron das máis duras no conxunto da UE, e tendo en conta a situación de partida de Galicia en termos de desemprego, pobreza ou fortaleza empresarial, o Eurobarómetro sitúa a Galicia entre as rexións cunha exposición media aos impactos negativos a curto prazo da pandemia. O estudio chama a atención sobre o recorte orzamentario de 180.000 millóns de euros para os entes rexionais e locais. España é o terceiro país con maior “efecto tesoira” nas comunidades e municipios, con 12.300 millóns de euros menos, por detrás dos entes subestatais de Alemaña e Italia.

O Comité denuncia que as rexións son unha pedra angular dos sistemas sanitarios, polo que deben participar no deseño da nova Unión Europea da Saúde. Por outro lado, volve insistir en que a recuperación de Europa corre perigo se segue deixando de lado ás rexións e cidades, dado que só unha minoría deles foron consultados polos Estados membros á hora de elaborar os plans nacionais de recuperación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021