A Xunta presenta o proxecto do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo no concello de Cerdedo-Cotobade, dotado con 150.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, asiste ao acto con técnicos de Augas de Galicia, que deron a coñecer as liñas básicas da iniciativa e recolleron información sobre a rede existente

O documento incluirá unha proposta de melloras para favorecer unha autoxestión segura e sostible

“A Xunta segue a colaborar cos concellos na subministración de auga potable malia tratarse dunha competencia municipal e máis cun Concello que investiu máis de 500.000 euros en 25 depósitos nos últimos anos”, sinalou Luis López

Cerdedo-Cotobade, 14 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, presentou esta tarde o proxecto de Plan Municipal de Abastecemento Autónomo no Concello de Cerdedo-Cotobade, que foi un dos seis municipios seleccionados para levar a cabo este programa piloto.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asistiu no Centro Cultural de Cerdedo ao acto de presentación. No encontro, técnicos de Augas de Galicia deron a coñecer as liñas básicas desta iniciativa, dotada con 150.000 euros neste municipio, e recolleron información sobre a rede e as infraestruturas existentes cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de augas.

“A Xunta segue a colaborar intensamente cos concellos nos seus servizos de subministración de auga potable malia tratarse dunha competencia municipal, e máis cun Concello como o de Cerdedo-Cotobade, que asume a súa responsabilidade nesta materia, e que xa investiu máis de 500.000 euros nos últimos anos na creación de ata 25 depósitos de almacenamento”, sinalou o representante autonómico.

O Plan Municipal de Abastecemento Autónomo de Cerdedo-Cotobade -un dos tres municipios da provincia xunto cos de Oia e Mondariz que resultou seleccionado para a elaboración e implantación desta iniciativa- pretende mellorar o coñecemento sobre os sistemas existentes para definir e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible, segura e resiliente.

Así, nesta primeira fase estase procedendo á recompilación de información por parte dos técnicos de Augas de Galicia de mans dos responsables das traídas co obxectivo de realizar un inventario e estudo dos sistemas de autoabastecemento que, no caso de Cerdedo-Cotobade, son os que dan cobertura a practicamente todo o territorio e aos seus 5.500 veciños.

Posteriormente, acometerase unha análise dos datos recollidos e farase unha proposta de melloras para adoptar nestas redes de subministración de auga potable e, finalmente, elaborarase o documento do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo que recollerá as pautas, requisitos e necesidades para este tipo de traídas.

O obxectivo da Xunta con esta iniciativa é mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible e segura. Son seis os concellos que resultaron seleccionados nesta iniciativa: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río. Agárdase que esta experiencia poida ser exportada ao resto de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2021