A Xunta reduce á metade os prazos de tramitación dunha planta de biometano en Ourense tras declarar a súa construción iniciativa empresarial prioritaria

A execución do proxecto suporá a creación de 16 postos de traballo, sumando investimentos por valor de 8,27 millóns de euros

Bioenergía Ourense construirá unha planta de produción de biometano para inxección en rede en Sarreaus e a Oficina Doing Business encárgase do seguimento e impulso dos trámites

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, que busca potenciar a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade, mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto

Santiago de Compostela, 15 de outubro
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de declarar como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de desenvolvemento dunha planta de biometano no concello de Sarreaus (Ourense), o que permitirá axilizar os prazos administrativos promovendo unha fábrica de produción deste gas renovable que, ao mesmo tempo, impulsará a creación de postos de traballo na comarca.

Neste sentido, o proxecto suma un investimento de 8,27 millóns de euros, contemplando, ao mesmo tempo, a creación de 16 empregos.

A declaración como iniciativa empresarial prioritaria da construción da fábrica enmárcase no contexto da Lei de simplificación administrativa, que permite reducir á metade os prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, mantendo ao mesmo tempo todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Deste xeito, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Desta volta, axilízase a construción desta planta de produción de gas renovable xerado a partir da valorización de diferentes substratos de orixe orgánica que serán utilizados como materia prima do proceso. A iniciativa empresarial foi declarada como prioritaria por cumprir dous dos requisitos necesarios, en concreto, polo volume de investimento así como por complementar cadeas de valor e pertencer a sectores estratéxicos, neste caso o enerxético.

Así, a empresa Bioenergía Ourense estima ter dispoñibles 70.000 toneladas ano de materia orgánica, procedente de diferentes empresas agroalimentarias e do sector industrial localizadas en zonas próximas á planta de xeración de biometano.

A partir do procesamento desta materia orgánica, producirase unha primeira corrente de biogás, que será posteriormente depurada mediante un proceso de enriquecemento, transformándose nun gas renovable denominado biometano, tamén coñecido como gas natural renovable, que será inxectado no gasoduto de gas natural.

O proxecto enmárcase entre as primeiras iniciativas empresariais prioritarias de Galicia, tras as xa declaradas polo propio Consello da Xunta para as iniciativas de Hijos de Carlos Albo (na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves, Plisan); Aluminios Cortizo (Padrón); Oviganic Ibérica (Monforte de Lemos) ou Sogama (Vilanova de Arousa); ás que seguiu, máis recentemente, a ampliación da conserveira Ignacio González Montes (Ribeira). Todos estes proxectos, xuntos cos dous declarados hoxe, supoñen un investimento de máis de 116M€ e a creación de 432 empregos.

A través desta figura búscase potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica que existan razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios a través da Oficina Doing Business, creada pola Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.

Data de actualización: 15/10/2021