A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense

Iniciaranse estas tarefas na estrada AC-552, no municipio coruñés de Vimianzo; na LU-540 ao seu paso polos municipios lucenses de Muras e de Xermade; e na OU-402, nos concellos de Ourense, de Barbadás e de Castrelo de Miño

Proseguirán os labores iniciados en semanas pasadas na vía de altas prestacións VG-1.4, en Fisterra; na CG-2.2 Lugo-Sarria; e na estrada LU-934, en Friol

Continuarán tamén os traballos na OU-504 en San Cristovo de Cea; na PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4 Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta comezará este luns novas tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias da Coruña, de Lugo e de Ourense.

Iniciaranse, concretamente, os traballos na estrada AC-552, no municipio coruñés de Vimianzo; na LU-540 ao seu paso polos municipios lucense de Muras e de Xermade; e na estrada OU-402, nos concellos de Ourense, de Barbadás e de Castrelo de Miño.

Ademais proseguirán os labores iniciados en semanas anteriores na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello de Fisterra; na CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na estrada LU-934, en Friol.

Tamén se continuará cos traballos de limpeza na vía ourensá OU-504 en San Cristovo de Cea; na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.

Reforzo na conservación das estradas

Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Este ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/10/2021