A Xunta licita por preto de 205.000 euros as obras de mellora dos servizos de saneamento municipal en varios núcleos do Concello de Muíños

Modernizarase o sistema de tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e realizaranse reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello no mes de xuño, cun investimento de 225.000 euros

O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas rematará o día 16 de novembro

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta licitou hoxe por preto de 205.000 euros a execución das obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos do concello de Muíños.

O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas rematará o día 16 de novembro.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, por importe de 225.000 euros, no que se recolleron as actuacións necesarias para a mellora do tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e a realización de reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos.

Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o 80% do investimento. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de 6 meses.

Pola súa banda, o Concello de Muíños contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

O obxecto das actuacións

As actuación que se executarán no marco do contrato licitado hoxe, inclúen a disposición dunha nova rede en Muíños, que comezará nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e continuará por terreos rústicos cara ao norte, ata a estrada que vai a Mugueimes, onde se conectará cun pozo da rede que baixa pola citada vía.

A nova rede cruzará o río ancorada á ponte e descargará nunha nova estación de bombeo desde a que se elevarán as augas á rede da depuradora do Parque.

En canto á nova rede no lugar do Barrio, terá unha lonxitude de 298 metros e contará con 14 pozos de rexistro. Tamén disporá dun ramal lateral de 56 metros en tubo das mesmas características, de 160 mm de diámetro.

Ademais, as obras inclúen a localización e a posta en rasante de tapas de rexistro de pozos na estrada de Mugueimes e a limpeza de areeiros de fosas existentes en distintos núcleos.

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente e acorde ás necesidades dos cidadáns.

Data de actualización: 15/10/2021