A Xunta analiza cos administradores de fincas e os axentes inmobiliarios o impacto da futura lei estatal de vivenda no mercado do alugueiro

O Instituto Galego da Vivenda e Solo e ambos colectivos comprométense a aplicación de novas medidas para mobilizar inmobles que estean actualmente baleiros

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, reuniuse esta semana cos representantes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Martín Bermúdez e Carmela Lavandeira, e do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, Patricia Vérez e Herminio Carballido, co fin de falar, entre outros asuntos, da futura Lei estatal de vivenda e dos posibles efectos da mesma sobre o sector do alugueiro.

Neste sentido e tendo en conta as medidas anunciadas ata o momento polo Goberno central —xa que, lembrou, as comunidades autónomas descoñecen aínda o contido do anteproxecto lexislativo a pesares de ter competencias na materia—, o novo marco regulador causará o retraemento da oferta de vivenda para alugueiro e creará inseguridade xurídica entre os propietarios.

Así mesmo, o director xeral e os representantes de ambos colectivos tamén aproveitaron a xuntanza para reafirmar o seu compromiso de colaboración co fin de mobilizar vivendas baleiras para o mercado de alugueiro, un dos obxectivos incluídos no Pacto social pola vivenda 2021-2025.

Por último, tamén falaron das liñas básicas do novo Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que segundo a información dada a coñecer este verán polo Executivo central, por primeira vez non contempla financiamento para as áreas de rehabilitación integral (ARI) e dos 12 programas que prevé, tan só dedica un á rehabilitación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2021