As bibliotecas da Xunta conmemoran o Día das escritoras con actividades para todos os públicos

A efeméride, impulsada co obxectivo de poñer en valor o legado cultural das autoras literarias ao longo da historia, celébrase nesta sexta edición o vindeiro luns 18

Mostras bibliográficas e recitais concentran, entre outras, as propostas das bibliotecas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo
 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.

Pontevedra

As actividades conmemorativas na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola arrincaron xa hoxe venres, co espectáculo de narración oral a cargo de Raquel Queizás Cinema de historias da man de Alice Guy. A través del, búscase facerlle ver á rapazada que as historias poden contarse de diferentes maneiras e que o cinema tamén se le.

Ademais, as persoas adultas teñen un obradoiro específico de escritura creativa, con Ana Carreira. A primeira sesión terá lugar o propio luns 18, ás 18,00 horas, e repetirase o 25 de outubro e o 8 de novembro. Dirixido a persoas de 16 anos en diante, nel ofreceranse os recursos, técnicas e mecanismos precisos para desenvolver o oficio literario. A maiores, o luns instalarase no segundo andar do centro Ler o que elas contan, unha escolma de volumes de autoría feminina.

A Coruña

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés desenvolverá o día 18, ás 18,00 horas, a actividade Os relatos en feminino, unha lectura de diversos textos de autoras como Dolores Redondo, Elvira Lindo, Maruja Torres, Almudena Grandes ou Xohana Torres, entre outras. Para asistir cómpre apuntarse previamente por teléfono ou a través da web da biblioteca. Nesa mesma xornada instalarase ata o 30 deste mes a mostra bibliográfica As idades da vida, cunha selección de obras de Marina Mayoral, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas e Yolanda Castaño, xunto ás doutras figuras.

Tamén está xa dispoñible a exposición Marie de Gournay, escritora, filóloga, tradutora, filósofa e poeta francesa dos séculos XVI e XVII. O público máis novo pode igualmente compartir esta celebración coa mostra instalada ata finais de mes na sala infantil e que amosa unha selección de libros tanto de autoras locais coma de éxitos internacionais.

Santiago de Compostela

No caso da cidade de Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal súmase á celebración do Día das escritoras co recital para público adulto Palabra de muller, que terá lugar o luns ás 19,30 horas. Coordinado por Lisístrata, persoas representativas da cultura e a sociedade galega poranlles voz ás escritoras homenaxeadas nesta efeméride, baixo a lenda Ler as idades da vida. Trátase así de darlle visibilidade e difusión ao seu legado cultural, lembrar as dificultades ás que tiveron que enfrontarse e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres. As persoas interesadas en asistir poden retirar o convite desde unha hora antes no mostrador de información.

A conmemoración continúa o martes ás 18,00 horas co xogo de fuga Aventuras literarias con nome de muller, a cargo de Xandobela. A través del, nenos e nenas a partir de 6 anos coñecerán obras e autoras da literatura galega, con mensaxes ocultas, enigmas e quebracabezas. Para participar cómpre retirar o convite no mostrador de información desde 30 minutos antes do comezo da actividade. Tamén dirixida á rapazada, o luns instalarase na sala infantil a mostra bibliográfica 18 de outubro: Día das (nosas) escritoras.

Ourense

Canto á Biblioteca Pública de Ourense Nós, a celebración terá lugar o martes 19 ás 19,00 horas coa presentación do libro La extraña desaparición de Carolina Santomé, da man da súa autora María José Viz Blanco. Jesús Garabato poralle a música ao evento co seu laúde. Para asistir é precisa inscrición previa.

Lugo

Pola súa banda, a Biblioteca Pública da Xunta en Lugo centra a súa homenaxe nas novas escritoras hispanoamericanas, cunha escolma de publicacións da xeración de escritoras que representa a nova explosión de literatura latinoamericana.

Vigo

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel centra a efeméride na actividade Autoras queridas, queridas autoras, coa que convidan ao público a deixar a súa suxestión de escritora ou obra con autoría feminina predilecta. Xunto ao espazo das propostas haberá unha escolma para lembrar autoras singulares da historia da literatura e coetáneas.

 

Na Biblioteca de Galicia

A Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, súmase tamén á celebración cun achegamento á obra literaria de Xohana Torres. Antes, esta tarde, ofrece unha nova sesión do ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros coa escritora Andrea Maceiras como figura convidada. Para esta conversa sobre títulos singulares da nosa literatura, a escritora escolleu o volume O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008), unha obra de Xabier P. Docampo ilustrada por Xosé Cobas, que convida a quen a le a se embarcar nunha viaxe por mundos imaxinados e fantasiosos cos que gozar da lectura. A paixón polas viaxes, pola escrita e polo debuxo mesturaranse así neste novo faladoiro literario no que Maceiras contará coa compaña do ilustrador Antonio Seijas, quen compartirá coas persoas asistentes varias imaxes feitas ex professo para a ocasión.

A cita arrancará ás 19,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia e a entrada é de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura. O encontro tamén se poderá seguir en liña a través de YouTube.

Homenaxe

Ademais, marco do Día das Escritoras, o luns ás 19,00 horas haberá a charla na Biblioteca de Galicia. Baixo o título Non se acouga con tanta multitude da man das profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Montse Pena e Dolores Vilavedra. O obxectivo é renderlle unha homenaxe á escritora galega ao tempo que se aborda o que supón ser mulleres e ensaístas, como é o caso das propias relatoras. O encontro retransmitirase en streaming pola canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Ademais, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistirá en Vila de Cruces ao evento conmemorativo da efeméride organizado pola Fundación Xosé Neira Vilas, no que se homenaxeará á autora Anisia Miranda, cunha ofrenda floral e a lectura
 

Data de actualización: 15/10/2021