A Xunta financia 23 cursos de acción formativa para desempregados nas bisbarras de Deza e Tabeirós cun investimento de 1,2 M€

O delegado territorial, Luis López, informa desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade nunha visita ás instalacións de Fortec en Silleda, que impartirá nove cursos entre este centro de formación e un de próxima apertura na Estrada

As iniciativas AFD comezarán neste mes de outubro en seis entidades destas comarcas cunha carga lectiva global de máis de 12.000 horas

Silleda, 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, acaba de aprobar a axuda para financiar 23 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de case 1,2 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución este mediodía nunha visita ás instalacións de Formación Técnica Silleda (Fortec) xunto ao seu administrador, José Lago Domínguez. A firma é unha das seis entidades beneficiarias das bisbarras e impartirá nos vindeiros meses nove cursos centrados na informática, a industria, o transporte e a atención sociosanitaria nestas instalacións e nun centro de formación de próxima apertura na Estrada.
“Tras a recente concesión de catro obradoiros de emprego nestas comarcas cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros, dende a Xunta seguimos apostando pola empregabilidade e pola inserción laboral e por iso imos impulsar estes cursos AFD, investindo 1,2 millóns de euros máis, co obxectivo de preparar a 425 persoas entre ambas iniciativas”, explicou o representante autonómico, que cifrou en case 2,6 millóns de euros o investimento nesta formación profesional para o emprego para Deza e Tabeirós durante o período 2021-2022.
As Accións Formativas para Desempregados (AFD) comezarán neste mes de outubro e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de xuño, xa que a súa duración oscila entre as 138 e as 768 horas dependendo do contido.
En total serán seis as entidades que impartirán os 23 cursos AFD nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cunha carga lectiva global de 12.094 horas. As empresas, encargadas desta formación son Academia Paidos, Fundación de Estudios e Análisis (Fesan), Autoescuela España, Formación Técnica Silleda (Fortec) -estas catro na bisbarra do Deza-, Centro de Orientación de Estudios Comerciales (Coesco) e Instituto de Formación Profesional -ambas na Estrada-.
En canto aos curso AFD que se impartirán nestas comarcas, a tipoloxía é moi variada e inclúe programación de sistemas informáticos, organización de transporte, competencia en matemáticas, comunicación en lingua castelá, instalacións de climatización, operacións auxiliares de albanelería, control de obras de edificación, soldadura, xestión da produción e fabricación mecánica, automatización industrial, transporte sanitario e atención sociosanitaria a persoas en domicilio., entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2021