Conde pon en valor o compromiso coa sustentabilidade das iniciativas presentadas aos premios Semente e a súa ilusión por emprender

Indica que, tanto nos proxectos finalistas como nos tres gañadores, a innovación volver ser a protagonista, xunto coa economía circular, a tecnoloxía aplicada ao sector primario ou a cultura e o turismo sostible

Considera que estas propostas están aliñadas cos obxectivos globais que marca a Unión Europea en materia de dixitalización e transición ecolóxica, fundamentais para a recuperación económica

Destaca a “canteira” e o “talento” da provincia de Lugo, onde nos primeiros nove meses do ano constituíronse 290 proxectos empresariais
 

Monforte de Lemos (Lugo), 16 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Monforte de Lemos á VII edición dos Premios Semente da Ribeira Sacra, onde quixo agradecer ás iniciativas empresariais presentadas o seu compromiso coa sustentabilidade e a súa ilusión por emprender.

Conde indicou que, como xa ocorreu nas seis edicións anteriores, tanto nos proxectos finalistas como nos tres gañadores, a innovación volveu ser a protagonista á hora de pensar no desenvolvemento do medio rural e poñer en valor os seus recursos a través de propostas de economía circular; tecnoloxía aplicada ao sector primario —forestal ou vitivinícola, en particular—; ou vencelladas á cultura e o turismo sostible.

Facendo referencia á recente declaración da Ribeira Sacra —xunto coa Serra do Oribio e
O Courel— como a sétima reserva da biosfera de Galicia, o vicepresidente económico salientou o afán das iniciativas presentadas por enxalzar e protexer este espazo natural e os seus sectores tradicionais, deixando de manifesto a súa aposta pola sustentabilidade e o seu compromiso co medio ambiente.

Conde quixo agradecer á asociación Semente de Monforte, organizadora deste certame, o seu labor de mecenado para que poidan ver a luz iniciativas que apostan pola economía sostible na zona. Todas elas, engadiu, aliñadas cos obxectivos globais da dixitalización e a transición ecolóxica, que constitúen factores indispensables para a recuperación económica.

Así, resaltou o potencial dunha provincia como a de Lugo, onde se constituíron 290 proxectos empresariais nos nove primeiros meses do ano –un 20% máis que no mesmo período de 2020–, polo que asegurou que estes premios veñen a constatar que “Galicia, Lugo e A Ribeira Sacra teñen canteira e dispoñen do mellor talento” para seguir facendo futuro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2021