A Xunta difunde o potencial innovador dos tecidos industriais creados por empresas galegas

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), organiza o vindeiro venres, 22 de outubro, un novo workshop online sobre materiais innovadores con capacidade para contribuír á competitividade empresarial. Nesta ocasión, estará centrado nos tecidos industriais, que presentan características funcionais e técnicas de alto rendemento que van máis alá de aspectos estéticos.

O encontro, organizado no marco da Materioteca de Galicia, comezará coa presentación dun estudo estratéxico sobre oportunidades de negocio baseadas neste tipo de tecidos, elaborado pola empresa especializada Materially. Nel recóllense materiais con funcionalidades que cubren desde a protección contra altas temperaturas, cortes, radiacións e contaminantes ata cometidos como a absorción de enerxía, a impermeabilización e o reforzo.

Como casos prácticos, expoñeranse proxectos empresariais liderados desde Galicia no ámbito dos tecidos industriais innovadores con aplicacións en sectores como a automoción, a construción, a miticultura, acuicultura e pesca.

Desde o Grupo Chicolino presentarán as fibras que están a desenvolver para o cultivo do mexilón e a cría e captura de peixe. O Grupo Copo mostrará os seus novos tecidos para tapicerías de automóbiles, capaces de combinar a estética e o confort coa limpeza, a resistencia ao desgaste e a seguridade. Ademais, a empresa Signus explicará o proceso que lles está a permitir obter materiais de construción a partir de fibras de pneumático reciclado, cun alto rendemento en illamento térmico e acústico.

A inscrición de asistencia pode formalizarse a través da páxina web de Gain.
 

Data de actualización: 17/10/2021