Valentín García loa o papel do certame Condado de Pallares na posta en valor do patrimonio e da cultura do rural de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación de ‘A Comarca de Chantada no século XVIII’, obra gañadora da XIII edición do certame, que ofrece conclusións relevantes sobre a situación socioeconómica do lugar 300 anos atrás

Tamén asistiu á preestrea do documental ‘A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultu-ral e patrimonio lingüístico’, realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais

Chantada (Lugo), 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, a Deputación de Lugo, os GDR Comarca de Lugo e Miño-Ulla, Caixa Rural Galega e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, presentaron este serán o libro A Comarca de Chantada no século XVIII. O volume, co que Xosé Méndez Pérez, Tamara González López e Claudio Otero Eiriz se erixiron gañadores do XIII Certame de Investigación Condado de Pallares o pasado 2019, presenta a situación socioeconómica do lugar hai 300 anos e achega conclusións económicas, demográficas e fiscais sobre os tres municipios que conforman a comarca de Chantada.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou a súa satisfacción por “colaborar un ano máis con tantas entidades empeñadas en poñer en valor o patrimonio e a cultura dos concellos rurais do interior de Galicia, por darlles un futuro ben alicerzado no pasado”. Dun xeito especial, quixo destacar o papel da Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, “claro exemplo de implicación cidadá e de colaboración coas institucións”.

A Comarca de Chantada no século XVIII

O volume, que reconstrúe en palabras as rúas de Chantada situando na Praza de España, coñecida como O Cantón, o centro de poder, ten por obxecto debullar a realidade da comarca na metade do século XVIII a través das indagacións baseadas no Catastro de Ensenada e na transcrición do interrogatorio das parroquias de Chantada. As conclusións máis importantes afectan á economía, á demografía e ao tipo de fiscalidade que reinaba nos municipios da comarca 300 anos atrás.

O Certame de Investigación Condado de Pallares ten por obxecto fomentar o estudo de calquera aspecto relacionado coa cultura, a historia e as tradicións dos cinco concellos do antigo Condado de Pallares (Chantada, Guntín, Taboada, Portomarín e Carballedo). Os gañadores de cada edición conseguen un premio en metálico e a posibilidade de ver publicado o seu traballo.

Paisaxe, cultura e lingua na Ribeira Sacra

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén asistiu esta tarde en Chantada á preestrea do documental A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico, realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo e proxectado no Cinema Palleiriso como parte da xornada Cine para coidar a terra.

O documental, de algo máis dunha hora de duración, foi dirixido por Lorena Gallardo e Humberto Novoa e producido por Chantada Comunicación. Gravado en varios concellos da Ribeira Sacra, entre as provincias de Lugo e Ourense, o audiovisual vai máis aló do entretemento do público e da promoción do lugar, afondando no patrimonio lingüístico desta terra de viños para recoller, recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira.

Data de actualización: 15/10/2021