Ángeles Vázquez lembra que Galicia non sabe 'nin cando chegarán, nin canto suporán' as axudas do Goberno central para paliar os ataques do lobo

A conselleira de Medio Ambiente cre que Unións Agrarias “mostra a súa despreocupación polo sector agrogandeiro ao non desaprobar o desamparo ao que o somete o Ministerio para a Transición Ecolóxica co cambio de status da especie”

A Xunta ampliou onte mesmo as súas axudas ata os 920.000 € para atender ás máis de 900 solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de 2021

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembra que Galicia non sabe “nin cando chegarán, nin canto suporán” as axudas do Goberno central para previr e paliar os ataques do lobo, recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado.

“Desde a publicación da orde ministerial de protección do lobo hai tres semanas, existe unha absoluta inseguridade tanto para o Goberno galego como para o sector agrogandeiro, que se ve desprotexido sen o amparo do plan de xestión autonómico”, sinala a conselleira.

Sobre os 20 millóns de euros consignados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ángeles Vázquez volver subliñar a “indeterminación e incerteza” que hai respecto da súa aplicación.

Neste sentido, recorda que estes fondos non están incluídos no borrador da nova Estratexia estatal, polo que “non se sabe se terán continuidade nos vindeiros anos”, e non están aínda territorializados, polo que calquera cálculo que se poida facer agora sobre o seu reparto “pode afastarse moito da realidade”.

Por outra banda, a raíz do expresado hoxe polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, a conselleira cre que este sindicato “mostra a súa despreocupación polo sector agrogandeiro ao non desaprobar o desamparo ao que o somete o Ministerio co cambio de status da especie”, impedindo calquera acción de control.

“Unións Agrarias parece estar preocupada unicamente polos cartos e non polo aumento dos ataques que se poden derivar da decisión do Goberno central”, engade, facendo fincapé en que para o mantemento da biodiversidade é preciso un equilibrio entre o sector e o lobo ibérico que ata o de agora garantía o plan autonómico.

Por último, Ángeles Vázquez recorda que a Xunta ampliou onte mesmo ata 920.000 euros as axudas á prevención de danos que causa o lobo en Galicia, co fin de atender ás máis de 900 solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria de 2021 que cumpren cos requisitos establecidos nas bases.