A Xunta conmemora os corenta anos do Estatuto de Autonomía de Galicia cunhas xornadas

As actividades estenderanse durante dous días e contarán coa presenza do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo e dous ex-presidentes

O obxectivo da iniciativa é analizar o significado da aprobación do Estatuto para a comunidade galega, así como abordar os retos de futuro

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta celebra a vindeira semana unhas xornadas conmemorativas que, baixo o título "Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021)", van abordar as catro décadas do Estatuto de Autonomía de Galicia.

As actividades, organizadas pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), estenderanse durante dous días e pecharanse o martes 19 cunha mesa redonda protagonizada polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo e os ex-presidentes, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Os tres debaterán sobre o futuro do Estado autonómico e a evolución política e social de Galicia.

As xornadas ábrense o luns 18 de outubro, na sede da EGAP, cunha inauguración institucional a cargo da directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira e ao conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo.

A primeira sesión continuará coa proxección dun vídeo conmemorativo “Galicia. Corenta anos de Autonomía”. Para rematar a sesión matutina, terá lugar unha mesa redonda baixo o título “Significado da aprobación dun Estatuto de Autonomía para Galicia: do autogoberno ao deseño da arquitectura institucional”. Na sesión vespertina do luns, haberá outra mesa redonda na que se abordará a descentralización territorial como punto de inflexión do desenvolvemento económico da comunidade galega.

O día 19, ademais da mesa conformada polos presidentes autonómicos, representantes parlamentarios das distintas formacións políticas debaterán en torno aos retos, cuestións latentes e propostas de futuro do Estatuto.

Esta iniciativa quere conmemorar o corenta aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, poñelo en valor e favorecer o debate en torno ás implicacións do vixente marco estatutario e a súa contribución esencial ao desenvolvemento da autonomía política e do autogoberno, así como analizar a súa proxección de futuro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2021