A Xunta colaborou na posta en marcha do centro de cancro de mama Valeriano Martínez destinado ás persoas refuxiadas dos campamentos saharauís

O centro inaugurado o pasado mércores leva o nome do conselleiro de Facenda e Administración Pública falecido a semana pasada

Trátase dun dos proxectos de emerxencia alimentaria e axuda sanitaria levados a cabo nos últimos anos nos campamentos de refuxiados do Tinduf no marco da colaboración entre o Goberno galego e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS)

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) na prestación de axuda sanitaria na Wilaya de Bojador con proxectos como a construción dun centro de cancro de mama na Daira 27, nos campamentos de refuxiados saharauís en Arxelia. O centro Valeriano Martínez inaugurouse o pasado mércores e leva o nome en memoria do conselleiro de Facenda e Administración Pública falecido a semana pasada.

A Xunta colaborou na financiación deste centro sanitario que contribuirá a mellorar a saúde e calidade de vida dos refuxiados na rexión de Tinduf e reducir a mortalidade infantil. Trátase dun dos proxectos de emerxencia alimentaria e axuda sanitaria nos campamentos de refuxiados do Tinduf levados a cabo nos últimos anos no marco da cooperación que o Goberno galego vén mantendo coa asociación Sogaps.
A cooperación entre ambas entidades enmárcase dentro do IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. Este plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade e a poboación saharauí ten precisamente tamén a consideración de prioritaria, xa que un dos obxectivos da Cooperación Galega é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada ou desprazada, con especial atención aos nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores.

Dende o ano 2006 a Xunta vén colaborando con SOGAPS no financiamento de diferentes proxectos, e o ano pasado o convenio reorientouse para executar actuacións coas que dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí en relación á crise sanitaria derivada da pandemia da covid-19, co obxectivo de mellorar as condicións de vida da poboación refuxiada saharauí a través do subministro de alimentos que escasean debido á pandemia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/10/2021