A Xunta pon en valor o potencial do xeodestino das Mariñas ao que este ano o Goberno galego destina 40.000€ para o seu desenvolvemento turístico

O delegado territorial da Xunta na Coruña informou do convenio de colaboración asinado coa entidade e destacou a súa capacidade para converter en un atractivo turístico a marca Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Abegondo (A Coruña), 18 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcades de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, Aranga, Alberto Platas Álvarez e Curtis, Javier Francisco Caínzos Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes do xeodestino das Mariñas. A Asociación de Desenvolvemento Rural As Mariñas- Betanzos está composta polos concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne e Sada.

No encontro o representante do Goberno autonómico informoulles do recente convenio asinado con este xeodestino que contempla un investimento de 40.000 euros para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo e especialmente para a posta en valor deste espazo reserva da biosfera. Pola súa parte, a asociación tamén levará a cabo unha achega de 10.000 euros.

Trenor destacou que este apoio económico permitirá a posta en marcha dun plan formativo para a mellora da calidade e competitividade dos restaurantes da biosfera e a execución dun proxecto piloto para o cálculo e redución da pegada de carbono dirixido a dez empresas turísticas da marca Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo.

O convenio tamén contempla a elaboración de placas identificativas promocionais para a visibilización dos restaurantes e aloxamentos certificados na marca Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e un plan de promoción dixital do conxunto do proxecto. O acordo contempla tamén a contratación de persoal encargado da planificación, execución, coordinación e xustificación da iniciativa.

O delegado territorial da Xunta subliñou que “as Mariñas é un dos destinos galegos que se caracteriza pola súa implicación e esforzo no desenvolvemento de produtos turísticos innovadores e sostibles relacionados co ecoturismo, xa que a calidade e a sostibilidade son os eixos da proposta deste xeodestino”. E engadiu que para “continuar traballando neste liña, o convenio de colaboración que hoxe se presentou establece as bases para a subvención de actividades para seguir colocando esta zona entre os principais destinos turísticos entre os visitantes que se achegan a Galicia”.

Os obxectivos que recolle pasan pola consolidación do xeodestino As Mariñas-Betanzos como destino sostible; o afianzamento da colaboración público-privada a través da cooperación co sector turístico empresarial da zona e especialmente co sector da restauración para a posta en valor da marca Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2021