Mañá abre o prazo para que empresas e entidades se adhiran ao Bono Cultura da Xunta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases desta iniciativa de descontos para impulsar o sector e dinamizar o consumo

Teñen un mes para sumarse e, entre outros requisitos, deberán estar dados de alta nos grupos e epígrafes do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) indicados

Poden inscribirse a través da web www.bonocultura.gal

Ofrecerán descontos do 50% en libros, música, películas ou series en formato físico, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outras

A campaña para os usuarios maiores de idade e residentes en Galicia botará a andar o 1 de novembro e poderá desfrutarse ata o vindeiro 31 de decembro

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde coas bases do Bono Cultura, o programa da Xunta de Galicia que ofrecerá descontos en compras ou na utilización de servizos culturais entre o 1 de novembro e o 31 de decembro.

Como se indica no DOG, as entidades e establecementos poderán inscribirse a partir de mañá martes 19 rexistrándose a través da web www.bonocultura.gal. Teñen un mes para adherirse.

Poderanse sumar ao programa Bono Cultura as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais, que desenvolvan a súa actividade en Galicia reunindo as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, etc.), os museos, casas-museo ou asimilados, tanto de titularidade pública como privada, así como asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.

No caso de establecementos privados, deben estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I da orde do DOG. Os titulares dos establecementos adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento e, ademais, o nome comercial e a localización dos establecementos adheridos ao programa Bonos Cultura farase público na web www.bonocultura.gal.

Sen límite de idade

Desde esta mesma web, e a partir do 1 de novembro, os usuarios poderán descargar o seu bono para consumir nos establecementos e entidades adheridas. En total, poñeranse en circulación un total de 39.000 bonos para residentes en Galicia maiores de 18 anos.

Con esta iniciativa -que conta cun orzamento de case 2M€ e que mobilizará 4M€ no sector- cada usuario poderá obter un bono desconto por valor de 50€ para gastar nos establecementos e servizos adheridos á iniciativa. En cada compra, o cliente obterá un desconto do 50%. Ata o 31 de decembro, poderá usar o bono tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible.

Os bonos poderán empregarse para a compra de produtos como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para calquera tipo de institución cultural (museos, casas-museo...) ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

Poderá facerse co Bono Cultura da Xunta calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia. Desde a web emitirase o bono en formato dixital a través dun código QR. Na mesma web tamén se informará das entidades adheridas. O período de validez dos bonos será do 1 de novembro ao 31 de decembro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2021