Arias anima aos participantes no obradoiro xuvenil de Lugo a aproveitar as oportunidades que ofrece a formación para o emprego

O taller Start IOT 5.0, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 369.500 euros, mellora a capacitación profesional de 16 menores de 30 anos no eido da tecnoloxía

O delegado territorial da Xunta en Lugo destacou que o Goberno galego destina 4 millóns de euros a financiar 85 cursos para desempregados na área de Lugo para favorecer a inserción laboral de 1275 persoas

Lugo, 18 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, animou hoxe aos 16 mozos e mozas participantes no obradoiro de emprego Start IOT 5.0 a aproveitar as oportunidades que ofrece a formación para o emprego. “A cualificación é fundamental para acceder a un mercado laboral cada vez máis competitivo e global e tamén abre ás portas ao emprendemento”, dixo Arias no transcurso dunha visita ao taller, promovido polo Concello de Lugo e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 369.500 euros. No acto estivo tamén a alcaldesa, Lara Méndez.

O alumnado está formado por persoas desempregadas menores de 30 anos que durante un ano -a actividade comezou en agosto- formaranse nas especialidades de Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web.

Trátase dun programa mixto no que os inscritos contan cun contrato de traballo e combinan a formación coa práctica profesional. Neste tempo desenvolverán proxectos de interese público centrados na xeración de contidos dixitais interactivos e na creación e publicación de páxinas web.

“Os plans formativos deseñados pola Xunta fan fincapé en ramas con demanda crecente por parte das empresas “, dixo Arias, quen destacou que os participantes nos talleres e nos cursos para desempregados impulsados polo Goberno galego reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado que lles permite acreditar os coñecementos adquiridos na área na que se forman.

Cursos AFD

Ademais dos 20 novos obradoiros duais que este mes inician a súa andadura en 55 concellos da provincia, Arias lembrou que tamén empezan a poñerse en marcha os cursos AFD para desempregados do Plan Galego de Formación para o período 2021-22, que na comarca de Lugo inclúen 85 accións formativas para facilitar a inserción laboral de 1275 persoas desempregadas, cun investimento de 4M€ por parte da Xunta.

Os cursos serán impartidos por empresas e academias e pola Fundación Laboral da Construción, Aprevar, Asociación de Empresarios e Fontaneiros (Alufonca) e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias. A maioría deles impartiranse na capital lucense e tamén hai programados cursos en Rábade.

Entre as especialidades incluídas destacan programación de sistemas informáticos; sistemas de automatización industrial; confección e publicación de páxinas web; organización do transporte e a distribución; mercadotecnia e compravenda internacional; competencia matemática; comunicación en lingua galega, lingua castelá e linguas estranxeiras; atención sociosanitaria; actividades de tempo libre infantís e xuvenís; formación nas áreas de soldadura, construción e automoción ou montaxe e mantemento de instalación solares térmicas e de infraestruturas de telecomunicacións en edificios, entre outras.

Os cursos poderán impartirse na modalidade presencial, de teleformación o mixta. Toda a información sobre os cursos e solicitude de inscrición está dispoñible na páxina web emprego.xunta.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2021