A Xunta inaugura a xornada conmemorativa dos corenta anos do Estatuto de Autonomía de Galicia

A directora da EGAP incidiu en que o Estatuto de Autonomía é un instrumento vivo, con amplo alcance e repercusións na forma na que nos organizamos como sociedade, nas institucións das que nos dotamos, e na forma na que se ditan as normas e se fan cumprir

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou está mañá na sede da EGAP unha xornada conmemorativa baixo o título "Galicia. Corenta anos de autonomía (1981-2021)", xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e ao conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López.

Durante o acto inaugural, a directora da EGAP destacou que a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia posibilitou consolidar unhas institucións fortes e ao servizo da cidadanía e, en consecuencia, ofreceulles ás galegas e galegos altas cotas de estabilidade social e económica.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos fixo fincapé no cambio positivo que experimentou Galicia nos últimos 40 anos no plano social e económico, que contribuíu ao progreso e ao benestar da cidadanía. Así mesmo, incidiu en que, máis alá dos compoñentes emocionais ou identitarios, o Estatuto de Autonomía é un instrumento vivo, con amplo alcance e repercusións na forma na que nos organizamos como sociedade, nas institucións das que nos dotamos, e na forma na que se ditan as normas e se fan cumprir.

Para finalizar, a directora da EGAP sinalou a importancia desta xornada na que, “ademais de conmemorar un pasado decisivo na historia de Galicia, haberá tamén lugar para a reflexión e o debate acerca do futuro que queremos para o noso país, así como para homenaxear a todas aquelas persoas que ao longo da nosa historia traballaron incansablemente para situar a Galicia no lugar que merece”.

A primeira sesión continuou coa proxección do vídeo conmemorativo “Galicia. Corenta anos de Autonomía”. Para rematar a sesión matutina, tivo lugar unha mesa redonda, dirixida polo xornalista Bieito Rubido, que contou coa intervención do profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e analista político, Roberto Blanco Valdés; o deputado autonómico na primeira lexislatura, conselleiro da Presidencia do primeiro goberno da Xunta de Galicia e profesor de Ciencia Política e da Administración da USC, Xosé Luis Barreiro Rivas; e a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira López, baixo o título “Significado da aprobación dun Estatuto de Autonomía para Galicia: do autogoberno ao deseño da arquitectura institucional”.

Na sesión vespertina, a mesa redonda dirixida pola interventora xeral da Xunta de Galicia, Almudena Chacón Pichel; na que participarán o profesor de estrutura económica da UDC e presidente da Asociación de Economía Mundial, Xulio Sequeiros Tizón; a redactora xefe de La Voz de Galicia, Sofía Vázquez García; o político e profesor do departamento de economía aplicada da USC, Xaquín Fernández Leiceaga; e a profesora de economía cuantitativa da USC, Maite Cancelo Márquez; tratará o tema da descentralización territorial como punto de inflexión do desenvolvemento económico da nosa Comunidade Autónoma.

O día 19, no Hostal dos Reis Católicos, representantes parlamentarios das distintas formacións políticas debaterán en torno aos retos, cuestións latentes e propostas de futuro do Estatuto. Para pechar a xornada o presidente Alberto Núñez Feijóo, xunto cos ex-presidentes Fernando González Laxe y Emilio Pérez Touriño abordarán o futuro do Estado autonómico e a evolución política e social de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2021