As directoras xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Galicia apoiou con preto de 11 millóns de euros desde 2016 máis de 300 proxectos para equipar e modernizar as lonxas e portos

Susana Rodríguez expuxo que boa parte destas iniciativas se desenvolveron grazas ás convocatorias de axudas que realiza anualmente a Consellería do Mar co obxectivo de mellorar a calidade e trazabilidade dos produtos desembarcados, aumentar a eficiencia enerxética, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores

En canto á produtividade dos bancos marisqueiros, a directora xeral explicou que a Xunta apoiou 59 proxectos por importe de preto de 1,5 millóns de euros que implicarán a rexeneración dunha superficie marisqueira de arredor de 1,7 millóns de m2

Por outra banda, a directora xeral de Pesca lembrou que as entidades xestoras de lonxas están entre os sectores beneficiados polos apoios do plan Avantemar para a dinamización do complexo mar-industria
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, expuxo hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo que a Xunta de Galicia investiu desde 2016 preto de 11 millóns de euros nun total de 335 proxectos para a modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar.
A representante da Consellería do Mar incidiu en que entre 2016 e 2020 o Executivo galego apoiou 280 actuacións nos peiraos da comunidade por importe de 8,2 millóns de euros e que este ano aprobou outros 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores de Galicia por importe de 2,5 millóns de euros.
Boa parte destas iniciativas desenvolvéronse grazas ás convocatorias de axudas que realiza anualmente a Consellería do Mar co obxectivo de mellorar a calidade e incrementar o control e a trazabilidade dos produtos desembarcados, aumentar a eficiencia enerxética, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores, entre outros aspectos. Non obstante, a estas achegas -que comezaron a convocarse en 2018 ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- engádense outras actuacións previas ao abeiro do FEMP e tamén con fondos propios.
Susana Rodríguez destacou que na convocatoria deste ano tamén se subvencionan accións que permitirán mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras ante a alerta sanitaria pola covid-19. Estes investimentos cobren gastos derivados de controlar as cabidas dos inmobles, a sinalización das medidas de seguridade como a adquisición de equipos de protección persoal ou de desinfección das instalacións así como obras nos edificios que contribúan á ventilación ou renovación do aire e que reduzan o contacto dos usuarios con elementos e superficies como poden ser portas de apertura automática ou sensores de luz.
Marisqueo
En canto á rexeneración de zonas marisqueiras, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro lembrou que as axudas da Xunta destinadas a este fin apoian proxectos que contribúen a mitigar o impacto das condicións meteorolóxicas nos bancos marisqueiros.

Estas axudas son, por unha banda, as destinadas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Por outra banda, tamén apoian labores deste tipo as achegas dirixidas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.

Segundo lembrou a directora xeral, a través destas achegas o Goberno galego aprobou nas convocatorias deste ano un total de 59 proxectos por importe de preto de 1,5 millóns de euros que implican a rexeneración dunha superficie marisqueira de arredor de 1,7 millóns de metros cadrados a través das diferentes actuacións como a sementeira de especies marisqueiras, arados e aporte de áridos.
Lonxas
En resposta a unha pregunta relacionada cos apoios ás lonxas e para facer fronte ás consecuencias económicas derivadas do coronavirus, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou o importante papel dos sectores pesqueiro e marisqueiro nos momentos máis complicados da pandemia da covid-19 para subministrar alimentos de calidade á cidadanía

Co obxectivo de apoialos no camiño da recuperación e de compensar a perda de ingresos, expuxo, a Xunta desenvolveu o Plan Avantemar que contén apoios a entidades xestoras de lonxas. Neste caso a maioría de beneficarios de axuda foron pequenas confrarías de pescadores. Ademais o plan Avantemar inclúe achegas a redeiras, aos armadores de buques pesqueiros con porto base en Galicia e aos de buques conxeladores do Censo Unificado de Palangre de Superficie, á paralización temporal do marisqueo a pé como consecuencia da pandemia, ás empresas de transformación e ás de cultivos mariños.

Mercedes Rodríguez lembrou a maiores que estas achegas se complementaron con iniciativas como a campaña de promoción Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, que estivo presente nos puntos de venda de diferentes cadeas de distribución e que naceu co obxectivo de fomentar o consumo e enxalzar o importante labor da frota pesqueira galega para manter, malia as dificultades, a oferta de proteína mariña á cidadanía nos momentos máis complicados da pandemia.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 19/10/2021