Máis de 1.100.000 contribuíntes beneficiaranse da nova rebaixa da tarifa autonómica do IRPF

O conselleiro de Facenda e Administración Pública entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos e o de Medidas Fiscais e Administrativas

O gasto per capita nas provincias de Lugo (4.926€) e Ourense (4.809€) mantense por riba do da Coruña (3.760€) e Pontevedra (3.584€)

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Máis de 1.100.000 contribuíntes beneficiaranse da nova rebaixa na tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas incluída nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o que supón máis do 90%. En concreto, implántase unha nova escala e rebáixanse os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros, co que Galicia reforza a súa posición como unha das CC.AA. con menor tributación para as rendas medias e baixas.

Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2022, que ascende a 11.627 millóns de euros, un 6,9% máis que no vixente exercicio e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

En materia fiscal, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) apróbase unha rebaixa do 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario. Mantéñense todos os tipos reducidos para os colectivos prioritarios e o ‘Programa Impostos 0 no rural’.

Polo que respecta ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota do imposto. Ademais, mantéñense as rebaixas no Imposto de Sucesións para que Galicia siga entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. O 99,9% das herdanzas por vía directa están exentas.

Beneficios fiscais

Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. En 2022 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 522 millóns de euros, o que supón un incremento de 50 millóns con respecto ao ano 2021. Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública esta cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, posto que o 93% destes beneficios fiscais son de carácter social.

Territorialización do gasto

Estes presupostos inclúen o maior reforzo dos investimentos, con 2.554,5 millóns de euros o que permite reforzar as actuacións en todos os territorios e contribuír ao reequilibrio territorial.

Neste sentido os Orzamentos da Xunta para 2022 volverán potenciar o reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense. Así en canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias interiores: Lugo, onde a Xunta destinará 4.926 euros per cápita, e Ourense con 4.809 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas, A Coruña recibirá 3.760 euros per cápita e Pontevedra 3.584 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben un maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 4.222 e 3.379 millóns de euros respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.611 millóns e Ourense, 1.470 millóns de euros.

Priorízase o gasto social

Os Presupostos reforzan un ano máis o gasto social (sanidade, educación e políticas sociais) e as políticas de emprego, toda vez que no vindeiro ano Galicia non disporá do Fondo Covid por tratarse dun fondo extraordinario con carácter non consolidable que o Goberno central retirou. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros, 610 millóns máis que neste exercicio.

Todas as consellerías terán máis recursos no ano 2022. En canto ao reparto por departamentos, o incremento da Consellería de Sanidade é de 268,7 millóns e acada a cifra récord de 4.588,7 millóns de euros; en Cultura, Educación e Universidade o aumento é de 177,5 ata superar os 2.751 millóns, e o departamento de Política Social sube en 115,6 millóns, e supera os 928 millóns de euros.

As tres consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.

Por outra banda, tendo en conta a importancia que cobran os fondos de recuperación e resiliencia no proceso de recuperación económica na súa dobre dimensión de xestión técnica e de interlocución para o seu seguimento e control, o vindeiro ano a Xunta reforzarase nun dobre plano: no plano técnico, ampliarase o período de mobilidade voluntaria e incentivada dos funcionarios para sectores prioritarios coma este; e no plano estratéxico, reformarase o nivel de dirección estratéxica de todas as Consellerías para favorecer o seguimento e control dos fondos.

En resumo, a Xunta presenta hoxe os orzamentos máis altos da súa historia para trasladar ás persoas e ás empresas unha política útil. Estes presupostos buscan superar os niveis de riqueza previos á pandemia e apoiar ás familias e aos sectores económicos, baixan de novo os impostos, reforzan o gasto social e o investimento produtivo, controlan a débeda co menor gasto en xuros, blindan as infraestruturas sanitarias, modernizan os servizos públicos e volven á senda do crecemento san.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2021