A Xunta administrará de xeito simultáneo as vacinas da gripe e da covid ás persoas de 80 ou máis anos

Os centros de saúde de cada área sanitaria citarán -vía SMS- ás persoas maiores de 80 anos para vacinarse

As persoas con idades comprendidas entre 70 e 79 anos, que así o desexen, poderán solicitar a súa cita para vacinarse contra a gripe polas vías habituais, no caso da vacina contra a covid-19, Sanidade encargarase de convocalos cando transcorran seis meses desde a segunda dose

O goberno galego adquiriu inicialmente un total de 885.800 doses da vacina contra a gripe, por un importe de 5.259.157 euros
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o secretario xeral técnico da consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e a directora xeral de Saúde Pública, Carme Durán, presentaron esta mañá a campaña de vacinación antigripal 2021, que terá como principal novidade a administración simultánea das vacinas da gripe e da covid-19 entre a poboación de 80 ou máis anos.

Durante o acto celebrado esta mañá na sede da Axencia Galega de Coñecemento de Saúde, o titular de Sanidade explicou que os centros de saúde de cada área sanitaria citarán -vía SMS- ás persoas de 80 ou máis anos para vacinarse. Así, no momento en que acudan a recibir a vacina de reforzo da covid-19, ofertaráselles de xeito simultáneo a vacina antigripal. Neste senso, ambas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en lugares anatómicos diferentes.

Pola súa banda, as persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos, se así o desexan, terán a posibilidade de solicitar -polas vías habituais-, a súa cita para seren vacinados contra a gripe. No caso da vacina contra o coronavirus, unha vez transcorran os seis meses desde que recibiran a segunda das doses da covid-19, Sanidade convocaraas para recibir a terceira dose.

García Comesaña convidou a vacinarse contra a gripe a todas as persoas que conforman á poboación diana, e nas que, ademais dos dous grupos de idade citados anteriormente, tamén se atopan as persoas de 60 ou máis anos, os residentes en institucións pechadas de calquera idade; e tamén para aquelas de entre 6 meses e 59 anos de idade que conten con factores de risco de padecer complicacións derivadas da gripe.

A vacinación contra a gripe, tamén está indicada para as embarazadas -estendéndose incluso até nos 6 meses seguintes ao parto-, e para os prematuros. A vacina ofertarase, así mismo, a aquelas persoas que poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións, así como a aquelas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade, ou grupos con exposición laboral e conviventes con persoas de risco.

“Vacinarse da gripe diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, polo tanto, o risco derivado de hospitalización e morte relacionada con este virus”, salientou García Comesaña.

A Xunta de Galicia ten como obxectivo para esta campaña acadar o 75% de vacinación entre as persoas maiores de 65 anos e tamén entre os traballadores do Servizo Galego de Saúde. Ademais, situou no 60% a porcentaxe mínima a acadar, entre as mulleres embarazadas.

Tres vacinas antigripais para unha campaña secuencial

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou polo miúdo como se desenvolverá unha campaña de vacinación na que se empregarán tres tipos de vacinas, segundo os diferentes grupos de poboación.

Por unha banda, administrarase a trivalente adxuvada de antíxenos de superficie inactivados ás persoas de 65 ou máis anos; ademais, a vacina de alta carga tetravalente, aplicarase nas persoas maiores de 60 anos institucionalizadas en residencias, dado que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de transmisión e; finalmente, disporase a vacina tetravalente de virus fraccionados e inactivados, cuxa indicación comeza a partir dos 6 meses.

A irrupción da pandemia provocou que, por primeira vez, a campaña de vacinación antigripal sexa implementada de xeito secuencial.

Desde este luns, en que comezou a administración das primeiras doses entre o persoal sanitario dos centros públicos e privados, e ata o vindeiro mes de decembro, o departamento sanitario da Xunta habilitará máis de 900 puntos de vacinación para combater os efectos da gripe. O Goberno galego adquiriu para a actual campaña da gripe un total 885.800 doses, cun investimento de 5.259.157 euros.

Nesta liña, a partir do día 25, vacinaranse ás persoas de 65 ou máis anos, así como ás persoas institucionalizadas de maneira prolongada (residencias de maiores e discapacitados e traballadores destas institucións).

O 15 de novembro, vacinaranse ás persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia.

Dende o 29 de novembro as persoas a vacinar serán o resto da poboación diana e conviventes de persoas de risco.

A Consellería de Sanidade lembra que as persoas que pertenzan á poboación diana da gripe, e teñan menos de 80 anos, poderán solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicación do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/10/2021