A Xunta reforza as liña de transporte público no concello de Fene para atender a demanda de estudantes do IES

A Dirección Xeral de Mobilidade reuniuse coa dirección do centro, coa ANPA e coa empresa concesionaria do transporte regular para acordar unha solución ás necesidades de mobilidade de todos os alumnos

A empresa concesionaria ampliou a capacidade dos autobuses que chegan a Fene desde Ferrol pola ruta das Pías e pola ruta de Neda, garantindo a cobertura total da demanda

Fene (A Coruña), 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta vén de reforzar as liñas de transporte público que prestan servizo no concello de Fene co fin de atender a demanda dos alumnos do Instituto de Ensino Secundario (IES) do municipio.

Representantes da Dirección Xeral de Mobilidade mantiveron no día de onte unha xuntanza de traballo coa dirección do IES, coa ANPA e coa empresa concesionaria, co obxectivo de acordar unha solución ás necesidades de mobilidade do alumnado do centro.

No encontro, acordouse ampliar a capacidade dos autobuses que chegan ao IES de Fene desde outros puntos do municipio, procedentes de Ferrol polas rutas de Neda e das Pías.

Eses autobuses chegan ao centro de ensino entre as 8:05 e as 8:10 horas e parten, ao regreso, ás 14: 20 horas. O autobús procedente da ruta de Neda ten capacidade para 69 usuarios de asento e 35 de pé, mentres que na ruta das Pías alternaranse vehículos con 69 praza de asento e 29 de pé con outros de 61 prazas de asento e 15 de pé.

Na xuntanza celebrada onte estimouse que estas medidas de ampliación da capacidade dos vehículos, xa posta en marcha, permite atender a totalidade da demanda.

O IES de Fene ten un servizo de transporte escolar gratuíto que se ofrece aos alumnos da etapa do ensino obrigatorio que reúnen os requisitos establecidos, entre os que se atopa residir a unha distancia mínima de 2km do centro.

Agora, os estudantes poden desprazarse de forma gratuíta ao centro de ensino grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta pese a non reunir os requisitos establecidos para o transporte escolar. Esta ampliación de capacidade dos autobuses regulares permite atender o conxunto da demanda.

Data de actualización: 20/10/2021