Gabriel Alén sinala ao enoturismo como un elemento turístico diferenciador e de calidade

O delegado territorial apuntou que aqueles que se queiran achegarse ata os territorios do viño do Ribeiro poderán facer visitas guiadas e de balde nas adegas participantes

O representante do Goberno galego relatou que as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños impulsadas pola Xunta promocionan un recurso cuxa demanda está en auxe

Ourense, 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, sinalou ao enoturismo galego como un elemento protagonista na promoción e na imaxe de destino sustentable que contribúe á desestacionalización, e que axuda a diferenciar a oferta da comunidade e a promover Galicia como un destino confiable e de calidade.

O delegado territorial, que participou esta mañá na presentación das Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño do Ribeiro xunto ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández, e ao presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares, explicou que esta nova edición, a décima, “acontece plenamente consolidada, cun incremento das adegas participantes, da duración do programa e coa ampliación das actividades complementarias propostas”.

Deste xeito, do 22 ao 24 de outubro, -continuou Gabriel Alén- aqueles que se queiran achegarse ata os territorios do viño do Ribeiro poderán facer visitas guiadas e de balde nas adegas participantes e poderán aloxarse nos aloxamentos turísticos adheridos, degustar menús especialmente creados para a ocasión nos establecementos de restauración do programa ou participar no programa de actividades especiais deseñadas para a ocasión: paseos en barca, catas comentadas, sendeirismo ou visitas a museos, entre outras.

Todas elas, ademais, concibidas para ser gozadas en pequenos grupos e previa reserva, co obxectivo de seguir dándolle cumprimento ás medidas preventivas e de seguridade derivadas da crise sanitaria, garantindo así un enoturismo seguro

Bus do Viño

Estas medidas de limitación de aforamento tamén se manterán no servizo de buses do viño que volverá a poñerse en marcha para os participantes que queiran realizar as visitas ás adegas, museos e outros lugares de interese. En total haberá 38 buses, con diferentes rutas e saídas, que estarán sempre acompañados por un guía turístico e cun aforamento limitado ao 60% da capacidade de cada bus, garantindo así as distancias de seguridade.

Sorteos nas redes sociais

Ademais, co obxectivo de dar a coñecer a iniciativa, Turismo de Galicia está a sortear a través do seu facebook un total de 15 premios, tres por cada ruta do viño, consistentes nunha noite de aloxamento e un xantar para dúas persoas nos establecementos asociados.
Pódese consultar toda a información relativa ás xornadas na web de Turismo de Galicia e afondar nos recursos enoturísticos na app Enoturismo de Galicia, que conta con información precisa de cada recurso en galego, castelán e inglés.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2021