Frades e Vilasantar estrean melloras nos seus campos de fútbol grazas as actuacións sufragadas pola Xunta

A colaboración coas entidades locais permitiu a ampliación dos vestiarios co campo de fútbol de Frades (50.000 euros) e a mellora enerxética do campo de fútbol de Vilasantar (25.000 euros)

Frades e Vilasantar (A Coruña), 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou os concellos coruñeses de Frades e Vilasantar nos que a Xunta de Galicia vén de levar a cabo distintas actuacións para a mellora e acondicionamento dos seus campos de fútbol.

Na súa visita a Frades, o secretario xeral estivo acompañado polo alcalde Roberto Rey para supervisar a ampliación dos vestiarios realizada no campo de fútbol de Abellá e que contou cun orzamento de preto de 50.000 euros (48.398,90 euros), sendo achega da Xunta 35.000 euros e do Concello de Frades, os restantes 13.398,90 euros. En concreto, os traballos levados a cabo consistiron en demolicións previas; construción de fachadas e particións (novos muros de peche); carpinterías (novas portas de acceso); instalacións eléctrica, de augas; cubertas; revestimentos e equipamento coma os bancos. O mandatario galego destacou a importancia do deporte e nomeadamente do fútbol no Concello de Frades que conta con dous equipos como o San Estevo de Abellá e a S.D. Pontecarreira e fixo fincapé no feito de que o San Estevo conta con equipo feminino desde hai varias tempadas e que actualmente compite na 2ª división galega.

En Vilasantar, e xunto ao rexidor local, Fernando Javier Pérez, o secretario xeral para o Deporte visitou o campo de fútbol onde se vén de realizar as tarefas de subministro e instalación luminaria para a mellora da eficiencia enerxética. A contía total desta actuación foi duns 25.000 euros (24.999,71 euros), dos que a Xunta achegou 20.000 euros e o goberno local os restantes 5.000 (4.999,71 euros). As actuacións levadas a cabo basearonse na instalación dun novo cadro xeral, a substitución das crucetas das columnas, a substitución de proxectores a outros con tecnoloxía led, así como a instalación de protector contra sobretensións. Lete Lasa destacou o traballo deportivo realizado por parte do concello e das súas escolas deportivas municipais que constrúen un amplo abano de posibilidades de exercicio físico tanto aos nenos e nenas de Vilasantar coma ao resto da poboación.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2021