A Xunta móstrase satisfeita tralo visto bo da Deputación de Ourense a aumentar o persoal nos GES de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión

O Goberno galego mantivo unha xuntanza coas deputacións provinciais e coa Fegamp no marco da Comisión de Seguimento dos GES para aumentar o persoal para que tódolos grupos da comunidade conten con 12 integrantes, o que supón a contratación de 48 persoas

Ademais dos GES da provincia de Ourense, tamén verían incrementadas as súas plantillas os de Quiroga e Folgoso do Courel na provincia de Lugo e os de Mos/Redondela, Lalín e A Estrada na provincia de Pontevedra

Ourense, 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Na xuntanza de hoxe, a Deputación de Ourense xa avanzou que apoiará a proposta que hoxe presentou a Xunta de Galicia na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), para aumentar o persoal dos GES coa finalidade de que todos conten con 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos de toda Galicia que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.

O Goberno galego mantivo esta mañá unha xuntanza coas deputacións provinciais e coa Fegamp no marco da Comisión de Seguimento dos GES e está á espera da resposta das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra á proposta feita pola Xunta nunha nova reunión que terá lugar a vindeira semana.

Na provincia de Ourense esta medida aplicarase nos GES de Lobios, que conta con 10 integrantes; Muíños con 9; Laza con 6; Ribadavia con 10 e Avión con 9. Ademais dos GES da provincia de Ourense, tamén verían incrementadas as súas plantillas os de Quiroga e Folgoso do Courel na provincia de Lugo; e os de Mos/Redondela creado este ano, Lalín e A Estrada na provincia de Pontevedra.

Outra das propostas está relacionada co aumento do custo dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia -Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra xunto co de Terras de Celanova, en Ourense e o creado este ano no concello coruñés de Noia-para equiparalo ao dos GES.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións terían que destinar 1,1 millóns- 0 40%- e entre os concellos sede 220.875 por ano, 0 7,5% restante

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

Data de actualización: 20/10/2021