A secretaria xeral técnica, María Francisca Gómez, respondeu a unha pregunta na Comisión 1ª sobre o futuro centro residencial de atención a maiores da cidade das Burgas

Política Social solicita no Parlamento que os grupos políticos do concello de Ourense reconsideren a súa postura e permitan a construción da residencia na parcela da antiga estación de autobuses

Ínstaos a desbloquear este importante proxecto para a cidade que será financiado pola Fundación Amancio Ortega e permitirá 120 prazas novas de atención a maiores e 110 postos de traballo

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Política Social solicitou no Parlamento que os grupos políticos presentes no Concello de Ourense reconsideren a súa postura e aproben o cambio de PXOM necesario para a construción da residencia de maiores que financiará a Fundación Amancio Ortega e que está prevista na parcela do barrio do Pino onde antes se emprazaba a estación de autobuses.

A secretaria xeral técnica da Consellería, María Francisca Gómez, apelou á Administración Local durante a súa resposta a unha pregunta na Comisión 1ª, Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior, para desbloquear este importante proxecto para a cidade das Burgas e para mellorar a atención das persoas maiores.

María Francisca Gómez sinalou que a preferencia da Xunta de Galicia é que o novo centro poida construírse en Ourense, na parcela que ocupaba a estación, “con este obxectivo levamos traballando desde xaneiro de 2020”, explicou.

12 millóns de euros e 120 prazas

Neste sentido, recordou que esta nova infraestrutura, que financiará, construirá e equipará a Fundación Amancio Ortega, achegará máis servizos ás persoas de máis idade. Suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá poñer á disposición das familias de Ourense 120 prazas públicas.

Ademais, a súa posta en funcionamento traerá a creación de 110 postos de traballo no ámbito dos coidados, un sector en auxe e no que Galicia ten potencial para ser líder. A nova residencia, deseñada polo estudio coruñés Elsa Urquijo Arquitectos, contará cun equipamento de vangarda e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.

Data de actualización: 20/10/2021