A Xunta colabora con Unicef para garantir a educación e a protección dos menores afectados polo terremoto de Haití

A Vicepresidencia Primeira, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, colabora con 40.000 euros nas accións postas en marcha pola ONGD en auxilio da poboación dos departamentos do sur afectados polo movemento sísmico, coa previsión de chegar a 840 alumnos de 23 escolas

A axuda súmase aos 100.000 euros do convenio asinado coa entidade para cubrir as necesidades máis urxentes da poboación afectada por catástrofes e crises sanitarias

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta acordou colaborar con Unicef para garantir a educación e a protección dos menores afectados polo terremoto de Haití. Con ese obxectivo, o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia e a Vicepresidencia Primeira asinaron unha addenda ao convenio firmado o pasado mes de abril coa ONGD por un importe de 100.000 euros co obxectivo de cubrir as necesidades máis urxentes da poboación afectada por catástrofes e crises sanitarias.

A nova axuda, por un importe de 40.000 euros, vai destinada a garantir a educación e a protección dos menores afectados polo terremoto de Haití. O movemento sísmico que tivo lugar no mes de agosto repercutiu, sobre todo, nos departamentos do sur do país. Segundo os últimos datos dispoñibles, das 1.017 escolas dos departamentos afectados, 171 están destruídas e 567 parcialmente derrubadas.

Unicef constatou sobre o terreo o risco no que se atopan os nenos e adolescentes da zona, tanto pola falta de seguridade como polas dificultades que teñen para ter garantido o seu dereito á educación. Nese contexto, a delegación española de Unicef prevé chegar, co apoio de axuda pública e privada, a 840 menores de entre 6 e 14 anos, alumnos de 23 escolas seleccionadas para o desenvolvemento do programa e que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Intervencións en Siria e Venezuela

Froito do convenio coa Xunta, Unicef levou a cabo este ano outras dúas actuacións de emerxencia; a primeira delas, para protexer dos efectos da pandemia aos menores en situación de risco en Siria, e na segunda, para garantir a alimentación, a saúde e o acceso á educación dos nenos e nenas do Distrito Capital, en Venezuela.

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos dos nenos e das nenas no mundo, e conta con capacidade técnica e loxística, ademais de autorizacións, para dar unha resposta axeitada ás actividades programadas, con presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria ou de emerxencia.

A Xunta de Galicia vén colaborando dende hai anos co comité español e co comité autonómico galego de Unicef. O importe das subvencións concedidas no ano 2021 ascende a 324.000 euros e o total das subvencións concedidas nos últimos dez anos elévase a 1.269.250 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/10/2021