A Xunta inviste 377.000 euros no obradoiro de emprego que formará a 20 persoas desempregadas en Ribas de Sil, Quiroga e O Courel

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os participantes obterán o certificado de profesionalidade en operacións auxiliares da construción

Ribas de Sil (Lugo), 21 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 377.000 euros no obradoiro de emprego Sillor VIII, que deu comezo recentemente nos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos 20 participantes, que se forman na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.

Arias explicou que a etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á cualificación e adquisición de experiencia laboral mediante un contrato de traballo; ao rematar, obterán un certificado de profesionalidade.

Ademais, neste caso parte do investimento está destinado a sufragar incentivos para facilitar a posterior contratación dos 20 alumnos traballadores durante un mínimo de tres meses máis a xornada completa en empresas locais do sector.

Ao tempo que adquiren os coñecementos e habilidades necesarias, os participantes no obradoiro desenvolven distintas obras nos concellos promotores. En concreto, en Ribas de Sil acondicionarán a nave municipal de San Clodio, e en Quiroga construirán beirarrúas na travesía dos Tallos.

Pola súa banda, en Folgoso do Courel construirán unha beirarrúa na Avenida Deputación e un heliporto eventual en Traspando, mellorarán o acceso á igrexa de Esperante, acometerán os revestimentos interiores da nave municipal da Serra e acondicionarán unha zona para parapente no alto do Piapaxaro.

O delegado subliñou que os obradoiros son unha das ferramentas máis valoradas no marco das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia, tanto polas importantes obras e servizos que realizan en beneficio da comunidade como polo alto grao de empregabilidade que acadan. Neste sentido, lembrou que tamén impulsan o emprendemento con formación específica sobre a materia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/10/2021