Rueda avanza que a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 mobilizará 60 M€ para mellorar a recollida separada e camiñar cara a economía circular

Salienta que esta folla de ruta contará con oito novas liñas de incentivos para avanzar en eixos prioritarios como: a materia orgánica no contedor marrón; os refugallos domésticos especiais; e os puntos verdes

Recoñece a aposta que a Xunta está a facer, cun investimento de case 40 M€, para que os concellos conten cunha instalación de biorresiduos a menos de 50 quilómetros de distancia

Destaca axudas por 2,2 millóns para impulsar melloras como a recollida separada de aceites domésticos usados; as iniciativas de recollida de residuos téxtiles; ou a compra de puntos verdes móbiles

Avanza a ampliación da rede galega de puntos verdes existente que, actualmente, alcanza case os 150, co fin de que todos os galegos teñan unha instalación deste tipo a menos de 10 minutos

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, avanzou hoxe un investimento de máis de 60 millóns de euros para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular desde o eido local.

Trala reunión do Consello da Xunta, Rueda subliñou que esta folla de ruta contará con oito novas liñas de incentivos para avanzar en eixos prioritarios como: a materia orgánica no contedor marrón (os coñecidos como biorresiduos); os refugallos domésticos especiais; e os puntos verdes, tamén coñecidos como puntos limpos. Todo isto, co obxectivo de dar un impulso definitivo á instauración da recollida separada dos distintos residuos, para a súa posterior clasificación e reciclaxe.

Así, e no tocante aos biorresiduos, o vicepresidente primeiro incidiu na importancia de que os galegos nos familiaricemos coa recollida separada destes residuos no fogar mediante o quinto contedor de cor marrón. “Temos algo máis de dous anos por diante”, dixo, recordando que o 1 de xaneiro de 2024 entrará en vigor a normativa da Unión Europea para que este residuo entre na economía circular e adquira unha nova vida como compost, é dicir fertilizante natural.

Nesta liña, explicou que os concellos terán que decidir cal é o modelo que elixen para tratar estes biorresiduos: se o contedor marrón, a compostaxe comunitaria ou a compostaxe individual, beneficiándose en todos os casos de incentivos, cunha achega total de 13,4 millóns de euros.

Ao longo da súa intervención, Rueda recoñeceu a aposta que a Administración autonómica está a facer para axudar aos concellos a cumprir os obxectivos da UE, cun investimento de case 40 M€ para ter unha rede de infraestruturas óptima coas plantas de: Cerceda (xa en funcionamento), Cervo, Verín e Vilanova de Arousa; ademais das 13 plantas de transferencia que están a ser construídas ou adaptadas. Un esforzo que permitirá que a maioría dos concellos conte cunha instalación de biorresiduos a menos de 50 quilómetros de distancia.

No que respecta aos residuos especiais -como aceites, téxtiles, voluminosos, electrónicos, etc-, a Xunta habilitará axudas por 2,2 millóns de euros dirixidas a concellos, entidades e agrupacións de entidades para financiar ata un 90% a mellora de xestión desta materia. “É dicir, apoiaranse melloras como a recollida separada de aceites domésticos usados; as iniciativas de recollida de residuos téxtiles; ou a compra de puntos verdes móbiles para completar os puntos verdes existentes”, precisou.

Por último, a Xunta levará a cabo a ampliación da rede galega de puntos verdes existente -puntos limpos- que, actualmente, alcanza case os 150, co obxectivo de que todos os galegos teñan unha instalación deste tipo a menos de 10 minutos.

Con este fin, o Executivo autonómico mobilizará 3,5 millóns para apoiar a 79 concellos que carecen na actualidade dun punto verde.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/10/2021