A Xunta permitirá medidas de protección fronte a covid-19 alternativas ao uso da máscara para os maiores de 12 anos no deporte galego federado

Para os menores de 12 anos seguirá sendo obrigatorio o uso da máscara

Compartir
  • whatsapp

Santiago, 22 de outubro de 2021.- A Secretaría Xeral para o Deporte vén de confirmar coa autoridade sanitaria que se permitirán medidas de protección fronte a covid-19 alternativas ao uso da máscara para os maiores de 12 anos no deporte galego federado. Cómpre salientar que para os menores de 12 anos seguirá sendo obrigatorio o uso da máscara.
Deste xeito deberán ser as propias federacións deportivas de Galicia ou os organizadores das probas deportivas os que envíen a proposta de modificación dos seus respectivos protocolos baseados no FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19.
Esta medida chega tras os bos datos que amosa Galicia na xestión da pandemia e a finalización da situación de emerxencia sanitaria, anunciada hoxe na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que estaba declarada dende o día 13 de marzo de 2020.
Cómpre salientar que dende o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19 -o primeiro que rexeu a actividade en Galicia tras superar o confinamento- a actividade deportiva federada estivo permitida e que a incidencia da enfermidade pola covid-19 é inferior no deporte federado que na poboación xeral, como demostra o estudo realizado polo INIBIC-SERGAS en colaboración coas federacións deportivas e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Data de actualización: 21/10/2021