Máis de 2.500 mozos e mozas participaron nas actividades do espazo da Consellería de Emprego e Igualdade en Edugal

A dinamización do emprego xuvenil será unha das prioridades nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Pontevedra o espazo de Formación para o Emprego da Xunta na feira Edugal

A formación tecnolóxica e dirixida á inserción laboral dos máis novos constitúe unha das grandes apostas das políticas de emprego autonómicas

A Xunta incrementará en máis do 50% as partidas para formación para o emprego en 2022, con especial incidencia na cualificación das persoas menores de 30 anos

Na feira estase a promocionar o campus virtual para a cualificación de persoas traballadoras do que Galicia é comunidade pioneira

Pontevedra, 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou o espazo que a Xunta habilitou na feira Edugal de Pontevedra, que hoxe se clausura, para promocionar os programas de formación para o emprego das persoas mozas, cunha aposta clara pola súa cualificación tecnolóxica, unha das máis demandadas no mercado de traballo. Máis de 2.500 mozos e mozas participaron nas actividades do stand da consellería ao londo dos tres días da feira.

Dous robots recibiron á conselleira á entrada da instalación. Lorenzana salientou que Galicia está a liderar o cambio na formación para o emprego e conta xa co primeiro campus virtual de España para máis de 1.000 centros e 15.000 alumnos ao ano, que tamén se está a dar a coñecer na feira.

Os orzamentos que a Xunta destinará en 2022 á área de cualificación de persoas traballadoras desempregadas e ocupadas crecerán por riba do 50%. Tamén as políticas activas de emprego contarán cun incremento do 44,6%. Un ano máis incidirán nos incentivos á contratación das persoas mozas.

Coa súa presenza na feira, Lorenzana quixo lembrar que o Emprego e a Igualdade son claras apostas do Goberno galego para os próximos meses. No novo exercicio o presuposto global da Consellería ascenderá un 9,20%, por enriba da media global da Xunta.

O stand de emprego da feira Edugal, pola súa banda, está a celebrar obradoiros, mesas redondas e relatorios especialmente dirixidos a orientar á mocidade e á comunidade educativa sobre o seu futuro profesional.

Trátase de informar ás persoas novas sobre os programas autonómicos e medios de formación para o emprego sobre tendencias como as habilidades brandas, cada vez máis demandadas polos departamentos de recursos humanos, sobre o liderado feminino e o emprendemento e axudar a orientar laboralmente ás persoas menores de 30 anos, un dos colectivos prioritarios para a Xunta.

No contexto da feira, a Consellería de Emprego e Igualdade está a dar a coñecer tamén programas como formadores dixitais e iniciativas relacionadas coa igualdade laboral coas que o Goberno galego mantén un firme compromiso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/10/2021