A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na clausura da xornada final do proxecto Econoia e de presentación do Econoia II

A Xunta enxalza o labor do sector pesqueiro na loita contra o lixo mariño e salienta a implicación de confrarías como a de Noia

O Executivo galego subliña o crecente compromiso do sector nun eido fundamental para preservar a economía local das zonas costeiras e garantir o futuro das novas xeracións

Os proxectos Econoia e Econoia II contan cunha achega pública de 400.000 euros entre os anos 2020 e 2022 para distintas accións entre as que se inclúe a recollida activa de residuos mariños coa participación de arredor de 200 profesionais do marisqueo a pé

O traballo desenvolvido ao abeiro da acción Econoia permitiu retirar máis de 52 toneladas de refugallos do litoral de Noia e realizar obras artísticas que foron recollidas nunha exposición

Noia (A Coruña), 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou hoxe a concienciación e o gran labor desenvolvido nos últimos anos polo sector pesqueiro galego na loita contra o lixo mariño e puxo como exemplo á confraría de pescadores de Noia, que desde o ano pasado intensificou o seu traballo neste eido ao abeiro dos proxectos Econoia e Econoia II.
A representante da Consellería do Mar salientou durante a súa intervención no acto de clausura da xornada final da acción Econoia e de presentación da iniciativa Econoia II que a implicación no coidado dos mares é cada vez maior no conxunto da cidadanía pero especialmente entre os profesionais do mar. Neste sentido, incidiu en que atallar os problemas derivados do lixo mariño é vital para preservar a economía local das zonas costeiras -asentada en sectores como a pesca, o turismo, a cultura mariñeira e o patrimonio natural- e garantir o futuro das novas xeracións.
Susana Rodríguez explicou que a Xunta leva máis dunha década traballando neste eido e concienciando ao sector da importancia de manter os mares limpos a través do Plan Marlimpo, ligado ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e que o ano pasado deu un paso máis coa convocatoria de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños.
No marco da convocatoria de achegas de 2020 a confraría de pescadores de Noia presentou o proxecto Econoia I -desenvolvido entre 2020 e 2021- e na deste ano presentou o Econoia II, que se desenvolverá entre este exercicio e o próximo. A achega pública concedida a estas dúas iniciativas ascendeu a preto de 400.000 euros con accións como a realización de xornadas de recollida activa de residuos nas que participan arredor de 200 profesionais do marisqueo a pé.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro incidiu en que, ademais do Plan Marlimpo, o Executivo galego participou e participa en numerosos proxectos de estudo do lixo mariño como o CleanAtlantic e puxo en marcha campañas de concienciación e sensibilización sobre o impacto deste problema como Bye, bye plástico.

Econoia e Econoia II

O proxecto Econoia, impulsado pola confraría de pescadores de Noia, resultou beneficiario dunha achega de algo máis de 200.000 euros na convocatoria de axudas á recollida de lixo mariño de 2020 e o seu desenvolvemento produciuse entre o ano pasado e 2021. As distintas accións promovidas no marco deste proxecto -recollida activa de lixo por parte de máis de 170 mariscadoras e mariscadores a pé e actuacións de formación e divulgación- permitiron retirar máis de 52 toneladas de residuos do litoral de Noia e realizar obras artísticas que foron recollidas nunha exposición.

O Econoia II, que dá continuidade ao anterior, desenvolverase entre 2021 e 2022 cun apoio público de preto de 200.000 euros. Entre as accións previstas está a recollida activa de lixo por parte de máis de 200 profesionais do marisqueo a pé, a realización dunha exposición e a elaboración de vídeos divulgativos para concienciar ao conxunto da cidadanía sobre o dano que causa o lixo mariño.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/10/2021