Arias anima aos negocios do sector cultural lucense a adherirse ao bono de descontos da Xunta para incentivar o consumo

Lugo, 22 de outubro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, animou hoxe aos negocios do sector da cultura da provincia de Lugo a adherirse á nova campaña impulsada polo Goberno galego para incentivar o consumo, o Bono Cultura, que ofrece aos clientes descontos do 50% en produtos ou servizos ata esgotar un saldo total de 50 euros para cada usuario.

Durante unha visita a dúas librarías lucenses que xa se sumaron -Biblos e El Faro de los tres mundos- Arias explicou que esta iniciativa pretende estimular as vendas “co obxecto de paliar a caída do consumo rexistrada en 2020 por mor da pandemia”, na mesma liña doutras medidas promovidas pola Administración autonómica como o Bono Comercio ou o Bono Turismo.

O prazo de inscrición dos establecementos abriu o martes e nestes primeiros días anotáronse preto de 40 da provincia de Lugo. Poden participar negocios dedicados á venda de produtos e bens culturais, salas de cine, teatros, auditorios, salas de concertos, museos, casas-museo, salas de exposicións, asociacións, entidades e fundacións culturais.

Os clientes poden empregar o bono para mercar produtos audiovisuais (películas, series… ) en formato físico; libros e videoxogos; entradas para salas de cine, concertos, espectáculos escénicos ou museos, entre outros.

As empresas teñen ata o 18 de novembro para inscribirse no programa, trámite que deberán facer desde a web bonocultura.gal. Nesta mesma plataforma os usuarios poderán descargar o seu bono a partir do 1 de novembro e consultar a lista de entidades adheridas.

O período de validez dos descontos será desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro e cada usuario poderá usar o bono tantas veces como desexe ata esgotar os 50 euros de crédito dispoñibles. O cupón emitirase en formato dixital a través dun código QR.

En total, poñeranse en circulación un total de 39.000 bonos para residentes en Galicia maiores de idade. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento próximo aos 2M€ para poñer en marcha esta iniciativa.

Proceso sinxelo

Unha vez que os establecementos se adhiren ao bono, contan coa aplicación descargada e están rexistrados, o cobro dos produtos é sinxelo. En primeiro lugar, o cliente amosa o seu código QR do bono; o titular do establecemento accede á APP TPV e teclea o importe total da compra; a APP valida e calcula o prezo final a cobrar ao cliente, para que despois o establecemento efectúe o cobro e valide a operación na aplicación.

A plataforma rexistra e desconta o bono, e a Xunta de Galicia abona a través da entidade financieira o pago da cantidade descontada ao establecemento cultural, un abono que se realizará semanalmente.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/10/2021