A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar participou nos actos conmemorativos do 20 aniversario do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar

O Centro Tecnolóxico do Mar cumpre 20 anos como referente internacional na investigación mariña coa participación en preto de 600 proxectos

Este ente dependente da Consellería do Mar desenvolveu nestas dúas décadas diferentes accións da man de máis de 1.800 socios de preto de 60 países

Entre as liñas de traballo do Cetmar no eido mariño están a loita contra a contaminación, a xestión sostible dos recursos, a valorización de subprodutos, a seguridade alimentaria, a monitorización, o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o estudo do medio mariño, a formación e a socioeconomía da pesca

Vigo, 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, conmemora o seu vinte aniversario como referente internacional na investigación, o desenvolvemento e a innovación no sector marítimo-pesqueiro a través da súa participación en preto de 600 accións neste eido desde a súa creación. Para poñer en valor este labor, a sede do centro acolleu hoxe un acto conmemorativo no que participaron a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda.

Neste evento, no que tamén estiveron os membros do Padroado da Fundación, os antigos directores, socios, colaboradores e antigos traballadores, púxose en valor o labor que o Cetmar vén realizando desde o 2001 a prol da mellora do medio mariño, dos seus recursos e de todos os sectores que viven del, fomentando a innovación e a sustentabilidade ambiental, social e económica.

Durante estes 20 anos de traxectoria, a institución galega traballou da man de máis de 1.800 socios de preto de 60 países e colaboradores dos ámbitos da investigación, da universidade, da Administración, así como das empresas e asociacións e entidades vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro. Este labor estendeuse ao eido da cooperación internacional nunha vintena de países de África e América Latina, onde o Cetmar colaborou no reforzo dos sectores produtivos da pesca e da acuicultura rural, ou no desenvolvemento de plans estratéxicos e de formación. Deste xeito o centro participou en numerosos consorcios cun equipo multidisciplinar de preto de 300 traballadores con experiencia nos ámbitos marítimo-pesqueiro e acuícola.

Liñas de traballo

A traxectoria desta institución fixo posible a execución de proxectos e servizos en diferentes liñas de traballo para as que contou con máis de medio cento de fontes de financiamento a través de diferentes programas nos ámbitos autonómico, nacional, europeo e internacional. Entre esas liñas de traballo están a loita contra a contaminación mariña, a xestión sostible dos recursos mariños, a valorización de subprodutos e a seguridade alimentaria.

Outras áreas das iniciativas desenvolvidas polo Cetmar son a monitorización mariña e costeira, o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o estudo do medio mariño, a formación marítima e a divulgación da cultura oceánica e do coñecemento no ámbito da socioeconomía da pesca en diferentes aspectos relacionados coa gobernanza, a xestión pesqueira ou os mercados.

Durante a conmemoración das dúas décadas de traxectoria deste centro, a secretaria xeral técnica, Silvia Cortiñas, destacou o importante papel do Cetmar como aliado do mar de Galicia, fundamentalmente dos seus profesionais. Grazas ao seu labor, especificou, é unha realidade a tripla hélice dos proxectos orientados á protección do litoral galego a través da loita contra a contaminación mariña, da prevención e mitigación do lixo mariño e a vixilancia da contorna con labores de monitorización e co desenvolvemento de novas tecnoloxías.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/10/2021