A Xunta comunica ao Ministerio de agricultura un foco positivo por Sars-Cov-2 nunha granxa de visóns de Carral

A comunicación da positividade faise consonte ás normas de comunicación de enfermidades emerxentes vixentes en España

Cumprindo co Programa de prevención, vixilancia e control elaborado polo Goberno central en colaboración coa Xunta, procedeuse a inmobilizar a explotación e farase o seu seguimento para determinar as actuacións a realizar
 

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada no concello coruñés de Carral. Así, na explotación -que conta con 12.704 visóns, dos cales 1.592 son reprodutoras femias, 98 son reprodutores machos e 11.014 son crías destetadas- detectáronse oito mostras positivas.

A detección realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas actuacións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.

En aplicación do citado programa, a granxa foi inmobilizada de inmediato e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, de acordo ao citado programa de prevención, vixilancia e control en España, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.

En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación entre as Consellería do Medio Rural e de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía.

Este foco comunicarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.
 

Data de actualización: 22/10/2021