Arias subliña o pulo do proxecto de Orzamentos da Xunta á economía, os servizos e as comunicacións que vertebran o sur de Lugo

O delegado territorial de Lugo salienta que se reservan case 8 millóns de euros para avanzar na conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria

Lugo, 23 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno galego está orientado a “impulsar a recuperación económica e ampliar e modernizar os servizos públicos”. Explicou que se incrementa o gasto social “realizando un esforzo sen precedentes, de forma que de cada 10 euros do orzamento, máis de 7 se aplican a financiar o incremento do investimento en sanidade, educación, políticas sociais e emprego”.

O delegado subliñou que os orzamentos medran un ano máis, sumando na provincia 67 millóns con respecto ao pasado exercicio ata alcanzar a cifra global de 1.611 millóns de euros. Ademais, Lugo segue a ser a provincia con maior investimento per cápita da comunidade, con 4.926 euros por habitante.

No que respecta ás comarcas do sur de Lugo, salientou que os orzamentos supoñen “un pulo ás estradas que vertebran esta zona”, especialmente á conversión en autovía libre de peaxe da vía de altas prestacións Nadela-Sarria. Así, resérvase unha partida de case 8 millóns de euros para o remate e posta en servizo da 1ª fase, entre A Pobra e Sarria centro, o máis prioritario desde o punto de vista da capacidade e seguridade, e para seguir avanzando no proxecto do seguinte treito. Así mesmo, destínase un investimento de 1,5 millóns de euros para a reforma da LU-651 en Folgoso do Courel.

Igualmente, resérvase un investimento de 750.000 € para iniciar o novo treito dos accesos ao Porto Seco de Monforte de Lemos, bloqueado por autorizacións pendentes do Goberno de España. No que respecta ao solo industrial, destínanse 300.000 euros ao polígono de Taboada.

Outras partidas
No eido dos servizos asistenciais, o proxecto de orzamentos recolle 700.000 euros para continuar avanzando no plan de modernización do Hospital Comarcal de Monforte e 500.000 euros para as obras de mellora da residencia de maiores situada na mesma localidade.

A Xunta continuará apostando pola recuperación do patrimonio monumental e o fomento do turismo sustentable na Ribeira Sacra, con partidas para a promoción do Camiño de Inverno e melloras en albergues, entre outras. Prevense tamén investimentos para prevención de danos causados por incendios, infraestruturas de saneamento ou protección e mellora do medio ambiente

O emprego seguirá a ser un dos eixos fundamentais, logo da intensidade dos apoios que durante este último ano axudaron ao mantemento dos sectores que se viron máis comprometidos pola situación sanitaria. Neste sentido, Arias asegurou que “o proxecto de orzamentos do 2022 é ambicioso e busca superar os niveis de riqueza prepandemia”, favorecendo a modernización do tecido produtivo.

Data de actualización: 23/10/2021