A innovación galega en tecidos técnicos ofrece respostas aos retos de industrias como a automoción e a acuicultura

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, celebrou esta semana un novo workshop online sobre materiais innovadores no marco da Materioteca de Galicia

Os participantes puideron ter acceso a un estudo estratéxico no que se analizan as posibilidades de materiais como o cemento flexible, un téxtil que absorbe o aceite e repele a auga, tecidos capaces de mitigar explosións, telas repelentes de insectos, coiro elaborado con coco e fío de plástico reciclado

Representantes de Grupo Chicolino, Copo e a empresa Signus presentaron os seus proxectos innovadores sobre tecidos industriais con aplicacións en sectores como a miticultura e a pesca

Ferrol (A Coruña), 23 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

As iniciativas innovadoras das empresas e dos centros de coñecemento galegos para desenvolver tecidos industriais centraron o workshop online celebrado esta semana pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia a través da Materioteca de Galicia, situada no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol. Durante a xornada, foron presentados varios proxectos con potencial para contribuír de xeito relevante ao reto global de desenvolver tecidos que respondan ás necesidades da industria, con características funcionais e técnicas de alto rendemento que van máis alá de aspectos estéticos.

A directora da Área de Centros de Gain, María José Mariño, explicou que a elección desta temática se debe a que, a pesar da enorme forza do sector téxtil galego, é importante impulsar a capacidade para producir tecidos en Galicia cos que responder aos retos industriais. Neste ámbito, citou como desafíos os procesos complexos destinados a alterar as propiedades básicas dos tecidos para mellorar a súa resistencia a diversos factores como a luz, a abrasión ou o lume, ademais de dotalos de propiedades antimicrobianas ou antifúnxicas ou de capacidade para regular a temperatura.

Mariño invitou aos asistentes a seguir en streaming o evento final do primeiro 'Certame de Materiais Innovadores de Galicia', que terá lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño o próximo 3 de novembro e que será o colofón ao proceso de avaliación dos 80 materiais que se presentaron. Ademais de coñecer cales son os seleccionados nas catro categorías, presentarase unha publicación na que terán o seu espazo de difusión todos os materiais candidatos, co obxectivo de dar a coñecer o importante esforzo de innovación que se está realizando en Galicia neste ámbito.

Durante o workshop desta semana foi presentado o estudo estratéxico sobre oportunidades de negocio baseadas neste tipo de tecidos elaborado pola empresa especializada Materially para a Materioteca de Galicia. Entre os materiais que se destacan neste estudo figuran un cemento flexible, un téxtil que absorbe o aceite e repele a auga, tecidos capaces de mitigar explosións, telas repelentes de insectos, coiro elaborado con coco e fío de plástico reciclado.

Como casos prácticos foron presentados varios proxectos de innovación en tecidos industriais desenvolvidos por empresas galegas. O fundador de Grupo Chicolino, Juan J. Fajardo, explicou como abordaron a innovación en cordas para o cultivo de mexillón desde os anos 80, un mercado no que a empresa de Boiro foi pioneira en materia de circularidade. Desde o grupo Copo, Arturo González expuxo os seus novos tecidos para tapicerías de automóbiles, dotados de funcións de hixiene melloradas, amortiguación acústica, interactividade, calefacción, frescura e fosforescencia.

O workshop contou tamén coa participación da empresa Signus, referente estatal de circularidade a través da reciclaxe de pneumáticos. A súa directora de Innovación, Leticia Saiz, presentou o proxecto que desenvolven con Slow Fashion Next, unha plataforma denominada Neomatique que busca introducir a fibra obtida de pneumático reciclado na industria da moda sustentable que xa se materializou en accesorios como bolsos, brazaletes ou pendentes.

Data de actualización: 23/10/2021