A Xunta activará en novembro un plan de formación para o sector servizos no marco do Xacobeo para mellorar a formación dixital de 4.000 profesionais

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no Parador da Costa da Morte en Muxía no oitavo encontro Xacobeo Peregrinas

Lorenzana resaltou os valores do Camiño como fonte de inspiración de programas de emprego e formación de persoas mozas, autónomas e mulleres emprendedoras

A Axenda Galega das Capacidades para o Emprego atenderá ás necesidades formativas do sector turístico e do comercio do Camiño de Santiago

Lorenzana valorizou a aposta pola formación para o emprego que incrementa o seu orzamento nun 53% en 2022

Muxía (A Coruña), 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no oitavo encontro do programa Xacobeo Peregrinas, celebrado no Parador da Costa da Morte en Muxía nun acto no que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. A iniciativa pon en comunión a experiencia nos camiños de Santiago coa de mulleres pioneiras referentes nos seus respectivos ámbitos de traballo. Como Xacobeo Peregrinas, a conselleira aproveitou a ocasión para poñer en valor iniciativas que o seu departamento ten activas e que vencellan as rutas xacobeas co apoio a autónomos e á economía social, coa formación de persoas mozas en competencias dixitais ou co emprendemento feminino.
No marco do Xacobeo, a Xunta desenvolverá en novembro un plan específico de formación dirixida a que 4.000 profesionais do sector servizos melloren a súa cualificación dixital.
“O Camiño sempre vencellou culturas e historias de vida, e serviu de canle e transmisor de valores que van desde o plano individual (como a curiosidade e ganas de aprender, o afán de superación dun mesmo ou a humildade) ata o plano colectivo (con valores como a tolerancia, a empatía, a xenerosidade, a solidariedade ou a cooperación)”, remarcou a conselleira durante a súa intervención. Estes valores, tal e como destacou, resultan imprescindibles tamén no mercado laboral e o emprego, cun tecido empresarial que a Xunta está a impulsar “desde un enfoque que garanta o maior benestar posible para os traballadores e traballadoras galegas”.
A conselleira avogou polas competencias transversais como as que integran programas formativos do seu departamento vencellados coas rutas xacobeas. Así naceu Camiño Emprendedor, que busca impulsar a iniciativa empresarial e a optimización das desenvolvidas por persoas traballadoras autónomas e no eido da economía social. Emprega o percorrido polas etapas do camiño con dinámicas de mentoring. O Camiño á empregabilidade, para a cualificación en comunicación activa e ferramentas TIC para menores de 30 anos, inclúe a ruta como broche á experiencia formativa.
EncamiñaRSE é outro dos programas que conxuga o percorrido coa mellora dos negocios de mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega. Participan nunha xornada de convivencia -a próxima celebrarase o 13 de novembro entre Olveiroa e Cee- para compartir cocreación e aprendizaxes.
Pola súa banda, Nava Castro puxo en valor as excelentes cifras de reactivación que está a experimentar o Camiño de Santiago, que está chamado a xogar un papel fundamental no proceso de recuperación da demanda turística, especialmente no que atinxe ao mercado internacional. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor as iniciativas turísticas que se despregaron durante o verán e agora en outono para dinamizar e facer máis atractiva a oferta turística galega e amosouse ilusionada coa celebración do vindeiro Ano Santo, agardando que poida celebrarse cunha maior normalidade.

Formación no marco do Xacobeo

A Xunta está a promover a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, que se lanzará o próximo 9 de novembro na Coruña e que terá en conta as necesidades formativas do sector turístico e do comercio presentes no Camiño de Santiago.

Lorenzana apuntou que aspira a se converter nun “gran pacto polas capacidades para o emprego para mellorar a cualificación profesional da cidadanía, a súa empregabilidade e promoción profesional e, ao mesmo tempo, a consolidación e crecemento do tecido empresarial da nosa comunidade”. Coa suma de esforzos -tanto de carácter público como privado- permitirá definir a oferta formativa necesaria para afrontar con éxito os retos presentes e futuros da contorna socioeconómica de Galicia.
“O sector turístico e o comercio, fundamentais no Camiño de Santiago, estarán presentes nos grupos de traballo que se conformarán no seo desta Axenda”, enfatizou. En novembro, especificou, impartirase formación complementaria para o sector servizos no marco do Xacobeo. Cunha inversión de 4 millóns de euros pretender mellorar a cualificación profesional vinculada á nova era dixital dunhas 4.000 persoas traballadoras do sector.
Na mesma liña, a representante da Xunta apuntou que os orzamentos para o ano 2022, reflicten unha suba “sen precedentes destinada á formación para o emprego dun 53,5%”, serán, cuantificou, 64,2 millóns de euros máis que o ano anterior.
Nesta oitava edición dos encontros Xacobeo Peregrinas conduciu o acto a actriz, cantante e modelo, Cristina Maró. Acompañaron á conselleira Gloria Lijó, primeira muller enrolada nun barco de pesca de altura; Inma Gregorio, trotamundos e creadora de contidos de viaxes; e Susana Ladra, enxeñeira informática e investigadora que dirixe o Campus Innova da Universidade da Coruña.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/10/2021