A Xunta agradece ao Instituto da Lingua Galega da USC que centre a súa conmemoración de 50 aniversario na mocidade como "semente e futuro da lingua"

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á clausura da conmemoración do 50 aniversario, que arrancou o pasado luns 18 co seu simposio anual

A xornada comezou coa entrega dos premios Móvete, destinados á rapazada e nos que colabora a Xunta, e rematou cunha homenaxe académica a tres investigadores do ILG, Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no acto dual que marcou o remate das actividades de conmemoración polo 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago, que comezaron o pasado luns 18 como parte do simposio anual do centro. Unha xornada dividida en dous que comezou coa entrega dos premios Móvete, nos que colabora a Xunta, e rematou coa homenaxe académica a tres dos investigadores fundacionais do instituto: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu a alta participación dos centros educativos e dos mozos e mozas galegos neste premio, destacou a súa creatividade e considerou os vídeos gañadores unha mostra “de que esta é unha xeración que promove o galego porque se move e se conmove con el”.
Tamén lle deu os parabéns ao ILG por centrar parte da celebración do seu 50 aniversario na mocidade, “semente e futuro da lingua que lle dá sentido a este instituto de investigación”. Ademais, o secretario xeral quixo facer mención aos tres lingüistas a quen se lles rendía homenaxe, “de quen fun alumno”, como lembrou. “Eles percorreron Galicia en condicións hoxe difíciles de imaxinar para recoller os datos que serían a base do impresionante Atlas Lingüístico Galego, pero tamén de propostas normativas, de dicionarios e gramáticas e de moita investigación posterior”.
Canda o representante da Xunta tamén participaron nesta celebración, que acolleu o Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz; o decano da Facultade, Elías J. Feijó Torres; o director do ILG, Xosé Luís Regueira Fernández; a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja; a investigadora do ILG Ana Isabel Boullón Agrelo e os homenaxeados.

Concurso de vídeo Móvete

Como parte das actividades de conmemoración dos 50 anos do ILG, o instituto convocou a pasada primavera, en colaboración coa Xunta de Galicia e de Gadis, o concurso de vídeos Móvete para alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Un concurso ao que se presentaron un total de 38 vídeos e cuxos gañadores foron anunciados hoxe nun acto conducido pola xornalista Ester Estévez, presentadora do #DígochoEu, e amenizado pola actuación musical de Pauliña.

Para cada modalidade (individual e en grupo) e tema (Móvete co galego, Conmóvete co galego e Promove o galego), o xurado elixiu un gañador. Na categoría individual, os gañadores para cada temática foron Sete cunchas de galego, de Lucía Argüelles Valverde; Terra sachada que se levou o vento, de Miguel Casal Fernández, e Herdanza, de Xoel Otero Nogueira. Pola súa banda, na categoría grupal os elixidos foron Nós, movémonos co galego... E ti?, do Colexio Manuel Peleteiro; España gaña Eurovisión cunha canción en galego, do Colexio Monterrey de Vigo, e Falar, do Colexio Bilingüe Marcote, de Mondariz-Balneario. O premio para cada vencedor, concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, foi un teléfono móbil para os participantes individuais e unha cámara dixital para os grupais.
Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística concedeulles aos restantes finalistas un reloxo intelixente e un lote de libros para os colexios que participaron de forman grupal. O vídeo con máis interaccións en Twitter, Instagram e Youtube, Aprendendo con Vicente Risco, de Xavier González Freire, recibiu como agasallo unha tableta.

Clausura e homenaxe

A xornada rematou cunha cerimonia de clausura e homenaxe académica a tres investigadores fundacionais do ILG que foron, e seguen a ser, un piar fundamental para a lingua galega desde as institucións que presiden ou das que forman parte: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González, actual coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Tres figuras que desde os inicios do seu labor de investigación nos anos 70 comezaron unha investigación lingüística e filolóxica que, malia continuar hoxe en día, foi fundamental no seu momento para asentar os modelos de investigación a seguir; colocar os estudos lingüísticos do galego en Europa; impulsar a normativización e normalización do idioma propio e crear ferramentas e recursos nos ámbitos da lexicografía, da gramática, da onomástica, da fonética. Conducido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, este acto homenaxe contou cunha Laudatio da profesora e investigadora do ILG Ana Isabel Boullón e coa actuación musical de Alba Maria.

Data de actualización: 22/10/2021