A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, xunto co seu equipo directivo, presentou no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio

Medio Ambiente xestionará 445,3 M€ en 2022, un 20% máis, co obxectivo prioritario de facilitar o acceso á vivenda aos galegos

Ángeles Vázquez avanza unha nova medida para garantir un fogar á mocidade: a concesión dun aval por parte do Goberno galego para adquirir por primeira vez unha vivenda en propiedade

A Consellería mantén un ano máis as axudas para atender aos colectivos máis desfavorecidos, habilitando, en colaboración coa Consellería de Política Social, unha nova liña de subvencións coa que asumirá os gastos de alugueiro de persoas que na actualidade reciben atención de entidades de servizos sociais

Defende que a mellora da eficiencia enerxética é outra opción válida para rehabilitar, polo que activa un programa dirixido aos concellos máis pequenos, cun orzamento de 3,7 millóns de euros, cantidade que se sumará aos 9,4 do programa de axudas para a rehabilitación enerxética en edificios existentes

En materia de xestión de residuos destaca a materialización das medidas da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, con 60 millóns de euros, e unha nova redución do canon de Sogama, que é o máis baixo en España

Os tres departamentos con competencia no territorio xestionarán un orzamento global de 26 millóns de euros cos que garantir un crecemento ordenado, un uso sostible da Comunidade e a protección das paisaxes galegas

Salienta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o departamento que máis ve medrar o seu orzamento, ampliará as axudas para previr e paliar os danos que provocan as especies silvestres ata chegar aos 3 millóns de euros

Vázquez Mejuto destaca que a nivel lexislativo se impulsará a Lei do clima de Galicia, para acadar a neutralidade climática, e a Lei de áreas empresariais de Galicia, para blindar a planificación do solo e ofrecer garantías ao tecido empresarial

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestionará ao longo do vindeiro ano preto de 445,3 millóns de euros, un incremento de 76 millóns de euros máis que no anterior exercicio —case un 20% máis—, que a converten no departamento da Xunta que máis medra nos presupostos previstos para o ano 2022.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo seu equipo directivo, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, onde avanzou que un dos obxectivos prioritarios destas contas será facilitar o acceso aos galegos a unha vivenda digna.

Salientou que se fará un especial esforzo para que a mocidade poida acceder a un fogar e independizarse, polo que anunciou que por primeira vez a Xunta concederá avais para a compra da súa primeira vivenda en propiedade. Os beneficiarios desta nova medida, cun orzamento inicial de 5 millóns de euros, serán os mozos menores de 35 anos, aos que se lles concederá un aval dun 15% do crédito. Así mesmo, asinaranse convenios coas entidades financeiras para que faciliten a concesión da hipoteca a interese de préstamo hipotecario.

Esta nova liña súmase á batería de medidas en marcha que van dirixidas especialmente á mocidade, como as axudas para mercar vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes e en centros históricos (1,7 M€ para 2022), que xa axudaron a 500 mozos a empezar o seu proxecto de vida. Adiantou que tamén se multiplicará por cinco o orzamento das axudas para a adquisición de vivenda protexida, pois no vindeiro ano se disporán de 2 millóns de euros.

E, no caso de que o beneficiario queira acceder a una vivenda en alugueiro, tamén se habilitarán varias liñas de axudas dotadas con 8 millóns de euros, o que supón duplicar o previsto para 2021.

Vivendas máis sociais

A conselleira destacou que as contas non esquecen ás persoas máis vulnerables e prevén unha nova liña –en colaboración coa Consellería de Política Social- coa que se asumirán os gastos de alugueiro de persoas en situación de exclusión que na actualidade reciben atención de entidades de servizos sociais.

Tamén se manterá o Bono alugueiro social (3,2 M€) co que se cubrirá o 100% da renda dos beneficiarios por terceiro ano consecutivo; e reservarase unha partida de 8,8 M€ para o conxunto de medidas que perseguen a promoción de vivendas con destino a alugueiro social. Coas conta de 2022 farase un esforzo para habilitar máis solo residencial para vivenda pública en tres cidades: A Coruña, consignando 10 M€ para o parque Ofimático da Coruña (barrio de Xuxán), Vigo, onde destinaremos 8 M€ para avanzar na urbanización de San Paio de Navia; e Santiago, onde se construirán 60 novas vivendas (24 no Castiñeiriño e 36 en Lamas de Abade) grazas á mobilización de 6,5 M€.

Duplicar a contía á rehabilitación

Así mesmo, Ángeles Vázquez trasladou que a Xunta destinará ao longo de 2022 máis de 75,2 millóns de euros aos programas de rehabilitación para mellorar o parque de vivendas da Comunidade galega. “Estamos ante o maior orzamento destinado á rehabilitación na última década, que duplica a contía de 2021, co que conseguir dous obxectivos: seguir impulsando medidas para facilitar o acceso a unha vivenda e recuperar os inmobles sen vida, evitando o abandono e a desprotección”.

Indicou que unha porcentaxe importante deste orzamento se canalizará a través do programa Rexurbe, que estará dotado de 10 millóns de euros para comprar e rehabilitar inmobles, ao tempo que se manteñen varias liñas de axudas, como as de concellos para rehabilitar vivenda de titularidade municipal (2,1 M€), as de rehabilitación de infravivenda municipal (270.000 €); ou as axudas ao abeiro do Fondo de Cooperación cos concellos, que recentemente se ampliou ata os 20 millóns de euros. Ademais, esta última medida reforzouse habilitando un segundo Fondo de Cooperación que permitirá aos concellos adquirir ou promover vivendas novas.

Nesta liña, a conselleira defendeu que a mellorar a eficiencia enerxética e a envolvente das vivendas tamén é un xeito de rehabilitar vivendas. As contas de 2022 prevén unha nova liña de axudas á de rehabilitación e eficiencia enerxética para os concellos de menos de 5.000 habitantes que contará con 3,7 millóns de euros. Este é un dos seis novos programas para fomentar a rehabilitación e que suman case 18 millóns de euros. Asemade, tamén se manterá o programa de axudas á rehabilitación enerxética en edificios existentes (9,4 M€), dado o éxito desta iniciativa e que nos últimos anos permitiu conceder máis de 2.000 axudas por un importe de 35 millóns de euros.

Vázquez Mejuto recordou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo tamén disporá de incentivos e medidas para que as empresas invistan en Galicia, por un importe de 34,3 millóns de euros, entre as que destacan a bonificación da adquisición de solo ou a optimización dos parques empresariais de Galicia. Engadiu que a planificación do solo na Comunidade quedará blindada na que será a primeira Lei de Áreas Empresariais de Galicia, que impulsará o Goberno galego, así como coa aprobación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) en 2022.

Pechar a xestión dos residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que Galicia é unha rexión referente na xestión correcta de residuos, pero a sociedade no seu conxunto debe dar un paso máis e sobre todo na dirección que marca Europa.

A Xunta aposta por pechar o mapa de xestión dos residuos, con especial atención á materia orgánica, cuxo traballo se sustentará na Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, que prevé a mobilización de 60 millóns de euros e onde destacan oito liñas de axudas –cun importe global de 20 millóns de euros- dirixidas aos concellos para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular desde o eido local.

Adiantou que, para seguir axudando aos concellos, Sogama será o complexo medioambiental de xestión de residuos co canon máis baixo de toda España, xa que grazas a un novo esforzo reducirá o canon nun 5% máis a todos os concellos; manterá a bonificación do 10% que para aqueles que aposten por seguir baixando impostos e facer unha xestión sostible; e non aplicará a suba do 4% do IPC no vindeiro exercicio, para “un total dun 19% de aforro para os veciños”.

Ángeles Vázquez manifestou que acadar unha correcta xestión dos residuos é un piar imprescindible no obxectivo de acadar a neutralidade climática en Galicia, un reto que o Goberno galego persegue e para o que elaborará a Lei do clima de Galicia e impulsará de xeito definitivo a Alianza galega polo clima.

Reforzar a capacidade do patrimonio natural

En opinión de Ángeles Vázquez, a capacidade de resiliencia de Galicia terá beneficios directos na conservación do medio ambiente e na protección da biodiversidade. Nese sentido, a acción da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, departamento da Consellería que máis ve medrar o seu orzamento, xestionará preto de 50 millóns de euros, case un 35% máis que en 2021.

Un dos principais proxectos que permitirán as contas de 2022 desta dirección xeral será a construción das depuradoras de Ons e Cíes, dúas illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, “a xoia da coroa do patrimonio natural de Galicia” para o que se reservan 4,4 millóns de euros.

Asemade, ao longo de 2022 manteranse e impulsaranse as axudas para actuacións nas Reservas de Biosfera de Galicia (6,4 M€), nos parques naturais (2 M€), do Proxecto Mil Ríos (5 M€), así como para as iniciativas de restauración e recuperación de ecosistemas e hábitats de interese comunitario (2,6 M€).

Ángeles Vázquez indicou que a biodiversidade de Galicia é “moita, rica e variada” e suma máis de 200 especies con algún réxime de protección, polo que é preciso encontrar unha adecuada convivencia.

Nese sentido, para garantir o necesario equilibrio na relación entre o gandeiro e o lobo, a Xunta dobrará o orzamento para as axudas de prevención dos ataques de fauna silvestre (900.000 €) e destinará 2,1 millóns de euros ás axudas para paliar os danos, para un total de 3 millóns de euros en axudas.

A conselleira indicou que este esforzo é máis necesario dado o escenario de incerteza —tanto para o sector como para a Administración autonómica— que provocou o Goberno central ao incluír o lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

‘Fermosismo’ galego

Así mesmo, Vázquez Mejuto destacou que o Goberno galego aposta por unha nova cultura: o fermosismo, coa que recuperar e dar valor a todos os elementos que se atopan no territorio galego.

En 2022, os tres departamentos da Consellería con competencias en materia de territorio (Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, Instituto de Estudo do Territorio e Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) xestionará 26 millóns de euros.

Nese sentido, indicou que se manteñen liñas de actuación e programas que teñen por obxectivo mellorar neste eido, como as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos (2 M€), postas en marcha de xeito pioneiro e con éxito este ano, ou a colaboración cos concellos na humanización das vilas galegas (7 M€). Engadiu que todos os proxectos que se impulsen poderán contar coas recomendacións e consellos das guías de boas prácticas, con 11 xa publicadas e ás que se sumarán a de parques empresariais, cartelería ou de instalacións portuarias.

A conselleira recordou que o crecemento ordenado e sostible dun territorio precisa da colaboración dos concellos, entidades que teñen os coñecementos, pero que en ocasións non dispoñen do 100% dos recursos necesarios. A modo de exemplo, citou o orzamento para a aprobación de plans xerais de ordenación municipal (3,2 M€), elaboración dos plans básicos municipais (1,2 M€) ou a Estratexia da paisaxe galega 2021-2024 (1 M€).

En resumo, as contas de 2022 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda serán o apoio para avanzar e mellorar en catro piares básicos: a vivenda, para facilitar o seu acceso e a rehabilitación; os residuos, para pechar o círculo do tratamento; a biodiversidade, para reforzar a súa protección e conservación; e o urbanismo, para medrar de xeito responsable e conservar a paisaxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/10/2021