A Xunta destaca a importancia de educar aos máis pequenos no uso da madeira e os beneficios dos bosques galegos

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu hoxe en Ponteceso ás xornadas sobre bosques e silvicultura organizadas pola Fundación Eduardo Pondal para a comunidade educativa, coa colaboración do Goberno autonómico

Ponteceso (A Coruña), 26 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Ponteceso nas Xornadas de concienciación sobre o bosque e a silvicultura para a comunidade educativa, organizadas pola Fundación Eduardo Pondal e nas que colabora a Xunta de Galicia a través do programa de axudas para a realización de actividades formativas non regradas e de divulgación do sector forestal galego.

Con preto de 250 nenos e nenas participantes, Lema quixo poñer en valor a importancia de levar a cabo este tipo de actividades para fomentar o uso da madeira e a utilización dos bosques entre os máis pequenos. Así, este ano a iniciativa está centrada nos castiñeiros, polo que salientou os beneficios que ten para os escolares “coñecer de primeira man os diferentes usos desta árbore autóctona de Galicia, desde o seu froito á madeira, así como a importancia ecolóxica dos soutos de castiñeiros”, indicou.

A través de obradoiros de xestión forestal, música, contacontos, espazos de xogos e o uso de novas tecnoloxías como os drons, os máis cativos poderán familiarizarse esta semana cos usos da madeira e a importancia de coidar o medio que os rodea.

O Goberno galego destinou este ano preto de 15.000 euros para axudar no seu labor de divulgación á Fundación Eduardo Pondal, seguindo así co compromiso da estratexia de formación autonómica para dar a coñecer os beneficios medioambientais da madeira e a importancia da industria no medio rural.
 

Data de actualización: 26/10/2021