A Xunta fomenta o aproveitamento sustentable de resina nos piñeirais galegos en colaboración con propietarios forestais, resineiros e investigadores

José González destacou que a Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, mantén abertas diferentes liñas de traballo centradas neste aproveitamento da resina

Sinalou que o enfoque sustentable desta produción, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, encaixa na filosofía xeral da política forestal da Xunta e no establecido polo Plan Forestal de Galicia 2021-2040

Salientou que Galicia conta cunha regulación específica para este tipo de aproveitamentos, a través dun decreto publicado en maio do 2020 que contribúe ao fomento deste recurso e facilita tamén as accións de formación e investigación
 

Oia (Pontevedra), 26 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta traballa cos propietarios forestais, os resineiros e os investigadores para fomentar o aproveitamento sustentable de resina nos piñeirais galegos. Só este ano está previsto aproveitar este recurso nuns 100.000 piñeiros de toda a comunidade. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita a unha explotación forestal resineira en montes veciñais en man común de Mougás, na localidade pontevedresa de Oia.

O titular de Medio Rural destacou que a resina é un produto moi valorado, polas súas propiedades químicas e os seus usos asociados, por exemplo na produción de vernices, adhesivos e outros aditivos e tamén é un compoñente habitual de cosméticos, perfumes ou incenso.

Traballos do CIF de Lourizán

Tendo en conta este potencial, explicou o conselleiro, a Xunta, a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, abriu hai uns anos diferentes liñas de traballo centradas neste aproveitamento da resina, tendo en conta as particularidades do monte en Galicia e a súa compatibilidade co aproveitamento madeireiro.

Así, estanse realizando ensaios para mellorar a tecnificación e a mecanización dos labores de extracción, co fin de aumentar os rendementos, incrementar a súa calidade, baixar os custos e desenvolver un aproveitamento madeira-resina compatible e complementario, para que resulte máis atractivo economicamente, tanto para os propietarios como para os silvicultores.

Nesta liña, José González avanzou que se traballa con novos sistemas, denominados tecnicamente de pica circular mecanizada ou de pica raión mecanizada con motoserra eléctrica. Estes sistemas ofrecen diferentes vantaxes, como a obtención dun produto de maior valor engadido, a mellora da competitividade na produción, a consecución dunha maior produtividade do traballo ou a redución do impacto sobre as árbores, así como, en consecuencia, unha menor incidencia de posibles pragas e enfermidades nos piñeiros.

Plan Forestal de Galicia

Neste contexto, o conselleiro sinalou que este enfoque sustentable da produción de resina, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, encaixa na filosofía xeral da política forestal da Xunta e no establecido polo Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “cara a neutralidade carbónica”, un plan que -lembrou- foi publicado onte luns no Diario Oficial de Galicia.
Así, González indicou que o da resina é un dos aproveitamentos contemplados dentro deste Plan, que define o monte galego do futuro e que aposta por fomentar a multifuncionalidade dos terreos forestais, alo que -engadiu- pasa tamén por diversificar os aproveitamentos.

Nesta mesma liña, o conselleiro puxo en valor que Galicia conta cunha regulación específica para este tipo de aproveitamentos, a través dun decreto publicado en maio do 2020. Esta norma, dixo, contribúe ao fomento deste recurso e facilita tamén as accións de formación e investigación.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 26/10/2021