A Xunta trasládalle ao Ministerio de Transportes o informe da Comisión Galega da Competencia que sinala como excesivas e posibles “axudas de Estado” as compensacións á concesionaria da AP-9

O Goberno galego urxe a convocatoria dunha reunión da Comisión da AP-9 para abordar este informe e o ditame do Consello Consultivo de Galicia, entre outros asuntos

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o informe da Comisión Galega da Competencia que sinala como “excesivas” e como posibles “axudas de Estado” as compensacións á concesionaria da AP-9 polas obras de ampliación da autoestrada nos accesos a Vigo e a Santiago de Compostela.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle unha carta ao secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, Sergio Vázquez Torrón, na que destaca que o informe da Comisión Galega de Competencia conclúe que a compensación aprobada polo Real Decreto 1733/2011, do 18 de novembro, en favor de Audasa pola ampliación da capacidade da AP-9 é excesiva.

O informe detalla que a empresa percibiría unha compensación moi superior á achegada polo financiamento das obras, podendo constituír unha axuda de Estado.

O escrito acompáñase tamén do ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia en maio do ano 2020, que sinala que os incrementos de peaxe autorizados á concesionaria para compensar pola execución das obras de ampliación da capacidade son “nulos de pleno dereito”.

Neste sentido, a Xunta demándalle ao Goberno central a revisión dos expedientes que derivaron nas compensacións outorgadas á concesionaria a través dos incrementos extraordinarios de tarifas xa aplicados e previstos no futuro.

Ethel Vázquez tamén traslada na carta a urxencia de convocar unha reunión da Comisión da AP-9 para abordar entre outros asuntos, o informe da Comisión Galega da Competencia e o ditame do Consello Consultivo de Galicia remitido en 2020.

Data de actualización: 26/10/2021