Con este aumento do crédito da orde de axudas para o exercicio 2021, o investimento neste ano acada os case 9,6 M€

A Xunta lanza unha segunda ampliación das axudas para novas accións de saneamento e abastecemento en concellos de menos de 5.000 habitantes dotada con 720.000 €

O departamento que preside Ethel Vázquez investiu nas dúas primeiras convocatorias preto de 8,9 M€ para apoiar 217 actuacións en 152 municipios e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local

Os incentivos acadan un máximo de 50.000 € por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación, polo que hai concellos que recibiron apoio tanto para intervencións en materia de abastecemento como de depuración

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta lanza a segunda ampliación de axudas para financiar novas actuacións de saneamento, abastecemento e depuración nos concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, cun orzamento de 720.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta segunda ampliación do crédito da orde de axudas para o exercicio 2021, o que supón un investimento total para este ano de case 9,6 millóns de euros. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/2XPiZp4

Cómpre lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, xa outorgou nunha primeira quenda 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros.

Ademais, nunha primeira ampliación da convocatoria, dotada con preto de 5 millóns de euros, as axudas permitiron financiar 112 novas actuacións de saneamento, abastecemento e depuración en 87 concellos galegos.

Deste xeito, o departamento que preside Ethel Vázquez sumou nestas dúas quendas preto de 8,9 millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes e garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

Agora, mediante esta nova ampliación do crédito da convocatoria para o exercicio 2021, mantéñense as subvencións para os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal; nas obras dirixidas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes; ou os destinados á construción de novas infraestrutura.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen tanto os investimentos realizados na execución das propias obras como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

A Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Data de actualización: 26/10/2021