A Xunta resalta o papel da Universidade para acadar unha igualdade real de oportunidades e previr actitudes sexistas e discriminatorias

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Santiago de Compostela na entrega de premios do VII Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson e da XII edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero da USC

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor hoxe o papel da muller en Galicia na entrega de premios do VII Certame de fotografía Ruth Matilda Anderson e da XII edición dos Premios á Introdución da perspectiva de xénero da Universidade de Santiago de Compostela.

Trátase duns galardóns que premian a visibilización do labor das mulleres e cos que se conmemora a figura da fotógrafa norteamericana, quen realizou varias viaxes a Galicia das que deixou testemuño a través das súas imaxes, centrándose no retrato das actividades cotiás dos anos 20. En palabras de López Abella, a fotógrafa Ruth Matilda Anderson retratou “ao noso mundo rural con ollos de muller”.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou a importancia de “recoñecer, visibilizar e poñer en valor o legado da coraxe, sabedoría e independencia que nos entregaron as nosas pioneiras”. Neste senso, sinalou a responsabilidade de transmitir esta herdanza ás novas xeracións de homes e mulleres e, ao respecto, destacou o papel fundamental da Universidade como ámbito que inflúe na aprendizaxe das persoas e, polo tanto, un espazo onde se fomenta a reflexión sobre os roles e valores que rexen a sociedade, así como traballar na consecución da igualdade real e a prevención de actitudes sexistas e discriminatorias.

Por último, destacou o traballo que realiza a Oficina de Igualdade da USC, e a colaboración que a Xunta mantén coa Universidade para promover accións de impulso da transversalidade de xénero no ámbito universitario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2021