A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta que os orzamentos da Xunta destinarán en 2022 máis de 100 M€ a apoiar os concellos nas súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración

Preto de 75 M€ serán para obras hidráulicas e 26 M€ se destinarán a xestionar as 28 depuradoras municipais que explota a Xunta

Vázquez Mourelle destaca que o Goberno galego leva mobilizados 1.100 M€ desde o ano 2009 en actuacións de saneamento e de depuración nos municipios galegos

Avanza que o anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo da auga, busca regular, ampliar e estender o apoio aos concellos que o soliciten, ofrecendo unha xestión profesionalizada dos seus servizos

Sinala que a Lei achegará solucións ante a constatación de que a metade das depuradoras xestionadas polos concellos é deficiente e as perdas nas redes de abastecemento acadan o 30%
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinan máis de 100 millóns de euros para apoiar aos Concellos nas súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración.

Vázquez Mourelle interveu no Parlamento de Galicia, onde detallou que practicamente todo o orzamento de Augas de Galicia se destina a colaborar coas administracións locais nas súas funcións hidráulicas.

Concretamente, o vindeiro ano resérvanse arredor de 75 M€ para obras relacionadas con servizos de abastecemento, saneamento e depuración, dos que máis da metade afondarán no saneamento das rías. Ademais, preto de 26 M€ destinaranse á xestión de servizos, fundamentalmente das 28 depuradoras municipais que está a explotar actualmente a Xunta.

A conselleira fixo fincapé en que o Goberno galego leva mobilizados 1.100 M€ desde o ano 2009 en actuacións de saneamento e de depuración para apoiar aos concellos nas súas competencias.

Lei do ciclo da auga

Neste sentido, subliñou que para regular, ampliar e estender este apoio do Goberno galego aos concellos nas súas responsabilidades hidráulicas, a Xunta está a tramitar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, baseada nos principios de igualdade, eficiencia e corresponsabilidade.

Ethel Vázquez apuntou que se trata de axudar a aqueles concellos que queiran optimizar e profesionalizar todos os servizos relacionados co ciclo da auga.

Na súa intervención, explicou que a xestión da auga require da implicación de todas as administracións: a dos concellos por ser competentes na materia; a da Xunta para afondar na liña de actuación que está desenvolver nos últimos anos e das deputacións, para que apoien as entidades locais, especialmente aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Lembrou que a Lei xorde da constatación de que o funcionamento da metade das depuradoras de Galicia que están xestionadas polos concellos é deficiente e as perdas de auga nas redes de abastecemento sitúase entorno ao 30%. E advertiu de que a mala xestión dos servizos do ciclo integral da auga prexudica ao medio ambiente, á saúde pública e á actividade económica, xa sexa a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.

Ao respecto, reiterou que a nova lei vén achegar solucións aos problemas dos municipios, que poden solicitar de xeito voluntario a adhesión a este modelo de xestión por parte de Augas de Galicia.

Puxo como exemplos concellos como o de Tomiño, onde a depuradora se satura coa auga da chuvia procedentes das redes municipais. Puntualizou que, pese a ser unha competencia e unha instalación municipal, Augas de Galicia xestiona esta depuradora desde hai 16 anos e xa acometeu melloras para garantir o correcto funcionamento. Informou de que ese exceso de pluviais na rede municipal de saneamento supón un sobrecusto de 120.000 euros anuais na xestión da depuradora, que asume a Xunta e, en consecuencia, todos os galegos.

Tamén lembrou que a depuradora de Rianxo recibe vertidos que son consecuencia directa da mala xestión que fai o Concello das súas redes de sumidoiros. Tamén neste caso, indicou que a Xunta trata de paliar a situación, investindo 14 M€ nas obras.

Transparencia e participación

Ethel Vázquez explicou que a Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei coa maior transparencia, someténdoo a información pública nun proceso cuxo prazo se ampliou en dúas ocasións.

Tamén se organizaron diversas presentacións do borrador da lei ás que se convocaron, entre outros, aos concellos, ás deputacións, á Fegamp, e as empresas explotadoras dos servizos da auga.

Ethel Vázquez apuntou que se están a analizar as achegas recibidas, incorporando as que se consideren oportunas para, a continuación, elevar o texto ao Consello da Xunta para, tras a súa aprobación, iniciar a súa tramitación e debate parlamentario.

Remarcou que o borrador da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga non leva aparellada a creación de taxas aos usuarios e só se prevé reordenar os tributos xa existentes, de aplicación unicamente nos concellos que se sumen a este modelo.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2021