A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou no Parlamento das medidas que está a impulsar a Xunta para mellorar o sistema de saneamento de Lalín, un concello preocupado polo funcionamento dos servizos da auga

Ethel Vázquez avanza a licitación antes de que finalice o ano das obras do novo tanque de tormentas de Lalín, que suporá un investimento de máis de 6 M€

Vázquez Mourelle apunta que o obxectivo da Xunta é adxudicar as obras no 1º semestre do 2022 para iniciar os traballos no segundo semestre, grazas a unha partida de 1 M€ recollida nos Orzamentos de 2022

Subliña a implicación e a colaboración do municipio para o impulso por parte da Xunta do Plan director de saneamento, sendo a construción dun tanque de tormentas en Pontiñas e a mellora dos colectores interceptores o primeiro paso

Explica que o tanque de tormentas disporá dunha capacidade de 5.000 m³, que, xunto coa ampliación e mellora dos colectores interceptores, permitirá mellorar o funcionamento da rede de saneamento do núcleo urbano, reducindo o número e volume de vertidos

Pon o acento no Plan de control de vertidos implantado pola Xunta no 2009, e nas 41.000 inspeccións realizadas nos últimos 5 anos, que só no ano 2020 supuxeron a tramitación de 276 expedientes e a resolución de sancións por máis de 280.000 €

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación antes de que finalice o ano das obras do novo tanque de tormentas de Lalín, que suporá un investimento da Xunta de máis de 6 millóns de euros.

En resposta a unha pregunta oral no pleno do Parlamento de Galicia, Vázquez Mourelle informou de que o obxectivo da Xunta é adxudicar as obras no primeiro semestre do 2022 para iniciar os traballos no segundo semestre do ano. A conselleira indicou tamén que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano xa se reserva unha partida de preto de 1 M€ para esta actuación, con compromiso de investimento plurianual ata o 2023.

Sinalou que esta é unha das actuacións da Xunta para previr as verteduras en Lalín, e enmárcase nas medidas previstas no Plan de saneamento local impulsado por Augas de Galicia co fin de coñecer en profundidade o funcionamento do sistema, identificar as súas deficiencias e proxectar as actuacións precisas para solucionalas.

Ethel Vázquez puxo de exemplo as deficiencias que presenta a rede de saneamento e depuración do Concello de Lalín, como as doutros moitos concellos de Galicia, para acreditar que os problemas poden resolverse mediante a suma de esforzos das administracións.

Subliñou que o Concello de Lalín está preocupado polo funcionamento do seus sistema de saneamento e por ese motivo lle solicitou axuda á Xunta para solucionar os problemas, para o que a Administración autonómica elaborou o Plan de saneamento de Lalín.

Precisou que este plan estableceu unha serie de actuacións, sendo a construción dun tanque de tormentas en Pontiñas e a mellora dos colectores interceptores o primeiro paso. O proxecto construtivo xa está redactado e atópase en fase de supervisión, concretou.

A conselleira explicou que o tanque de tormentas disporá dunha capacidade de 5.000 m³, que, xunto coa ampliación e mellora dos colectores interceptores do Pontiñas, permitirá mellorar o funcionamento da rede de saneamento do núcleo urbano de Lalín, reducindo o número e volume de vertidos ao medio receptor.

Ethel Vázquez salientou que o Goberno galego non só cumpre as súas obrigas, con rigor e dilixencia, en todo o que atinxe á detección e control de verteduras ao dominio público hidráulico, senón que está firmemente comprometido en axudar aos concellos a emendar de xeito efectivo eses puntos de vertido.

Isto, dixo, estao a facer a Xunta a través da axuda técnica para identificar os puntos febles e establecer as liñas de actuación a desenvolver para resolvelos, que inclúe a redacción dos proxectos oportunos; e axuda económica para financiar as obras que é necesario executar.

Puxo así tamén o acento no traballo realizado a través Plan de Control no control de vertidos implantado pola Xunta no 2009, e nas 41.000 inspeccións realizadas nos últimos cinco anos, que só no ano 2020 supuxeron a tramitación de 276 expedientes sancionadores por vertidos contaminantes, e parte deles se resolveron con sanción por importe de máis de 280.000 euros.

Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

A conselleira salientou que, ademais de controlar e sancionar os vertidos, o obxectivo da Xunta é actuar na súa orixe, buscando alternativas para que non se produzan e planificando as actuacións necesarias para erradicar o problema e axudar así aos concellos.

Isto é, remarcou, é o que busca a Xunta co anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que está a tramitar: reforzar o apoio que aos concellos nas súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento para mellorar a calidade dos servizos e, con eles, a calidade das augas.

A conselleira destacou que o Concello de Lalín, como municipio preocupado polos funcionamento dos servizos a auga, apoia esta iniciativa legal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2021